
A vila de Ribeira viviu hoxe unha xornada vibrante coa celebración do Día da Bici, organizada pola Concellería de Deportes, en colaboración co Club Os Saltamontes, a Asociación de Veciños de Carreira, a Policía Local, GAEM e Protección Civil. O evento reuniu a máis de 400 persoas de todas as idades nun percorrido urbano de aproximadamente 5 km que arrancou ás 11:15 horas.
O público respondeu con entusiasmo, recolleuse o dorsal ás 10:00 h para unha saída puntual. O percorrido discorreu pola Avenida Rosalía de Castro, o barrio das Avesadas e rúas céntricas como Rúa de Galicia, Romero Ortiz, Malecón Carolinas e retornando ao punto de partida. Esta ruta urbana combinou o lecer, a práctica deportiva e a visibilización da bicicleta como medio saudable e sostible.
Na liña de chegada, os participantes foron recibidos cun avituallamento gratuíto e un sorteo de premios que incluiu bicicletas, accesorios e material ciclista, ofrecido polos colaboradores Sport BiKe e Dalle Pedal. Ademais, para garantir a diversión das familias, instaláronse inchables para nenos e nenas.
No evento participaron o alcalde, Luís Pérez Barral e o concelleiro de Deportes, Xabier Vídal, que compartiron a súa satisfacción pola “alta participación e ambiente festivo”, destacando o obxectivo de fomentar unha mobilidade máis limpa, respectuosa co medio ambiente, educativa e segura.
O concelleiro de Deportes mostrouse satisfeito pola participación e tamén “pola cantidade de nenos e nenas de diferentes idades que gozaron do día acompañados polos seus pais”. Vidal quixo resaltar a importancia de fomentar o uso da bicicleta “tanto polo seu ámbito sostible como saudable”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.