Monday 16 de June de 2025

Comeza á tempada de praias con 60 profesionais do servizo de salvamento, cinco bandeiras azuis e reforzo dos servizos públicos


O Concello activa desde hoxe o dispositivo integral nos areais con vixilancia diaria, limpeza reforzada, atención ambiental e novas actividades educativas

O Concello da Coruña activa desde hoxe o dispositivo integral da tempada de praias 2025, que se prolongará ata o 15 de setembro con vixilancia diaria, control da calidade das augas, reforzo da limpeza, actividades educativas e medidas de accesibilidade e protección ambiental.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou que “os areais son un dos principais espazos de encontro da cidade durante o verán e desde o Concello queremos garantir que todas as persoas poidan gozar deles en condicións de seguridade, coidado e respecto”.

O novo contrato de salvamento, adxudicado á empresa Top Rescue SL, supón un investimento de 619.209,94 euros e permite mobilizar un equipo de 60 profesionais (socorristas, patróns de embarcación e persoal sanitario) que operarán desde 35 postos de vixilancia, repartidos en todas as praias urbanas e periurbanas da cidade.

Cobertura total nos areais coruñeses
Os servizos de salvamento estarán activos todos os días de 11.00 a 21.00h h, incluíndo domingos e festivos, nas seguintes praias:
● Riazor: 7 socorristas
● Orzán: 7 socorristas
● Matadoiro: 2 (CONFIRMAR TOURI)
● As Lapas: 3 socorristas
● San Amaro: 3 socorristas
● Oza: 4 socorristas
● Santa Cristina (Punta): 2 socorristas
● O Parrote: 2 socorristas
Os socorristas traballarán en dous turnos, polo que serán un total de 60 persoas as que presten servizo nos areais ata o 15 de setembro.

Tamén se garante a atención no entorno litoral ante calquera eventualidade, incluíndo a zona do porto e o paseo marítimo, mediante a ambulancia municipal, que permanece estacionada na contorna de Riazor con conexión directa por radio co resto do dispositivo.

Durante a noite de San Xoán (23–24 de xuño), o servizo estenderase ata as 08.00 h da mañá, con socorristas, embarcación, posto médico avanzado e persoal sanitario coordinado co hospital de campaña da Protección Civil.
Hoxe izáronse as cinco bandeiras azuis nos areais coruñeses recoñecido con esa enseña de calidade

A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, izou hoxe a bandeira azul no posto de socorrismo de Riazor, nun acto simbólico que marca o inicio oficial da tempada de baño. Xunto a Riazor, foron distinguidas tamén as praias de:
● Orzán–Matadoiro
● As Lapas
● San Amaro
● Oza
“A bandeira azul recoñece o compromiso continuado do Goberno de Inés Rey coa seguridade, a calidade da auga e a sensibilización ambiental”, explicou Neira, lembrando que estas praias manteñen a certificación de forma ininterrompida desde o ano 2007. ADEAC destacou tamén o traballo didáctico que se realiza desde a Caseta de Educación Ambiental, que ofrecerá actividades de divulgación científica e boas prácticas durante toda a tempada.

Aplicación CEUS APP: información en tempo real para a cidadanía

Durante o verán, a cidadanía poderá consultar en tempo real a información actualizada sobre o estado das praias a través da aplicación municipal CEUS APP, dispoñible de forma gratuíta para iOS e Android, e que se poderá empregar desde o 1 de xullo.

A súa interface, intuitiva e accesible, está dispoñible en galego, castelán e inglés. As principais funcións inclúen:
● Estado das bandeiras en tempo real
● Condicións do mar e previsión meteorolóxica
● Notificacións sobre incidencias ou peches temporais
● Localización de servizos: aseos, duchas, accesos adaptados, casetas
● Recomendacións de seguridade, hixiene e comportamento responsable

Toda a información é introducida polos equipos operativos de socorrismo e técnicos municipais, permitindo unha resposta áxil e precisa ante calquera cambio ou alerta.

Recomendacións para un verán seguro
Significado das bandeiras:
● Verde: baño permitido.
● Amarela: baño permitido con precaución.
● Vermella: baño prohibido.
● ⚠️ Informativas: riscos como medusas ou contaminación puntual.
Recomendacións ante a calor:
● Evitar o sol directo entre as 12:00 e as 17:00 h.
● Empregar crema solar de alta protección.
● Beber auga con frecuencia.
● Ducharse antes e despois do baño.
● Respectar as indicacións do persoal de socorrismo.

Animais nos areais: normativa vixente

Durante a tempada de baño (do 15 de xuño ao 15 de setembro), non está permitido o acceso de cans ás praias urbanas da cidade. Esta medida ten como obxectivo garantir a seguridade, a hixiene e a convivencia nos areais durante os meses de maior afluencia.
Excepción: Praia de Bens
A única excepción é a praia de Bens, habilitada como espazo de lecer canino durante todo o ano, tamén no verán. Trátase dunha praia non urbana, frecuentada por persoas usuarias con animais e considerada apta para o seu uso baixo responsabilidade.
● As persoas responsables dos cans deberán:
● Manter aos animais sempre controlados.
● Recoller os excrementos.
● Garantir unha convivencia respectuosa con outros usuarios.

Caseta de Educación Ambiental: espazo lúdico e formativo

A partir do 1 de xullo, o areal de Riazor contará coa Caseta de Educación Ambiental, un espazo lúdico e formativo que ofrecerá actividades infantís, xogos dirixidos e propostas de sensibilización ecolóxica. Ademais, disporá dun pequeno fondo de libros e materiais divulgativos relacionados co medio ambiente, accesibles para a lectura na praia. Esta instalación, xestionada polo Concello, forma parte do dispositivo estival co obxectivo de promover o coidado do litoral, o respecto ao medio e a participación activa das familias na vida da praia. A programación desenvolverase en horario de mañá e tarde e estará aberta a toda a cidadanía.

Deja un comentario