
Este papel permitirá reforzar o liderado de Galicia en materia de consumo a través do labor que desenvolve o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, que vén de cumprir o seu 30 aniversario
Galicia asumirá durante o segundo semestre de 2025 a representación das comunidades autónomas españolas no grupo de traballo Protección e información dos consumidores do Consello de Competitividade da Unión Europea. Esta responsabilidade coincide, ademais, coa conmemoración do 30 aniversario da creación do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC).
Para preparar este relevo, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, vén de participar nunha reunión de traspaso coa directora xeral de Saúde Pública e a directora xeral de Asuntos Europeos de Castela-A Mancha —Lara Ruiz e Nazaret Rodrigo respectivamente—, entidade que exercía ata o de agora esta representación. No encontro tamén estiveron presentes membros da Representación Permanente de España ante a UE, a directora da oficina da Fundación Galicia Europa, así como persoal da dirección xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e do propio IGCC.
Durante o período no que Galicia exercerá esta función, persoal do Instituto Galego do Consumo e da Competencia asistirá ás reunións do citado grupo de traballo, compartindo a información co resto de comunidades autónomas e, cando proceda, coordinando a adopción de posicións comúns nos debates que así o requiran. Neste labor contará co apoio tanto da Fundación Galicia Europa como da Representación Permanente de España ante a Unión Europea.
Xa no pasado mes de abril, e como parte da preparación desta nova responsabilidade, a xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, participou nunha visita ás institucións europeas organizada pola dirección xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, da que formaron parte diferentes departamentos da Xunta de Galicia.
A asunción deste papel permitirá reforzar o liderado de Galicia en materia de consumo a través do labor que desenvolve o IGCC, destacando especialmente o traballo do Laboratorio de Consumo de Galicia. Este é o único laboratorio público oficial nesta materia acreditado por ENAC —entidade que avala a competencia técnica na certificación e inspección—, e sitúase como referencia estatal tanto no control como na comunicación de alertas sobre produtos inseguros.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.