Friday 22 de November de 2024

Nava Castro afirma que o consenso e a cooperación son imprescindibles para acadar os 5 millóns de turistas en Galicia


Destaca a relevancia acadada polo Clúster de Turismo de Galicia e asegura que constitúe unha ferramenta indispensable no desenvolvemento turístico galego

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, afirmou hoxe que o consenso e a cooperación son imprescindibles para acadar o obxectivo de chegar aos 5 millóns de turistas en Galicia este ano.

Así o expresaba esta mañá, na inauguración do II Encontro do Clúster de Turismo de Galicia Obxectivo 5 millóns. Retos e oportunidades da comercialización e tecnoloxía do destino Galicia, que tivo lugar no Auditorio Mar de Vigo.

O obxectivo da xornada foi profundar nos retos e oportunidades que presentan as formas actuais de comercialización do destino turístico así como expor solucións aos retos das novas tecnoloxías.

Durante o acto de inauguración, a responsable de Turismo da Xunta destacou que o sector turístico en Galicia representa xa o 11,1% do total do PIB galego e a relevancia do turismo tamén é evidente en termos de emprego ao xerar o 12% do total do emprego de toda a comunidade.

A directora de Turismo de Galicia sinalou que, para aproveitar este gran potencial do sector, resulta fundamental apostar pola coordinación tanto público-privada como interadministrativa. “Desde a Xunta de Galicia temos claro que este consenso e cooperación é imprescindible para xerar un marco eficiente e xerador de oportunidades e lograr o ambicioso obxectivo dos cinco millóns de turistas”, afirmou.

Neste senso, Nava Castro fixo referencia á relevancia acadada polo Clúster de Turismo de Galicia que, segundo explicou, “converteuse nunha ferramenta indispensable no desenvolvemento turístico galego”. “Compartimos con el a responsabilidade de planificar, xestionar, promover e comercializar o sector turístico, pero tamén participamos simultaneamente do beneficio que supón a mellora do turismo galego”, resaltou.

Aposta polas novas tecnoloxías
En relación ás novas tecnoloxías, a directora de Turismo de Galicia afirmou que dende a Xunta de Galicia apóstase pola incorporación da innovación, a calidade e a competitividade no sector turístico.

Nava Castro explicou que esta aposta está reflectida no Plan Integral de Turismo de Galicia que dedica unha das súas oito liñas estratéxicas ao fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías para acadar un sector competitivo e un destino intelixente.

“Dende Turismo de Galicia estamos a poñer en marcha numerosas iniciativas para o impulso de melloras na xestión e na innovación nos procesos de articulación, promoción, comercialización e xestión do sector turístico”, sinalou. Neste senso, fixo referencia a iniciativas como a nova aplicación móbil de realidade aumentada de Turismo de Galicia ou a creación e posta en marcha de Turespazo, a extranet de comunicación entre o sector público e privado.

Así mesmo, Nava Castro anunciou que mañá presentarase o Smart Camiño unha plataforma tecnolóxica enmarcada no Plan Smart Turismo que facilitará aos peregrinos ou turistas os servizos tecnolóxicos máis avanzados e permitirá capturar, ordenar e categorizar datos en tempo real de múltiples ámbitos.

Máximos históricos
Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia fixo referencia aos bos datos que está a rexistrar nos últimos anos tanto a nosa comunidade, en xeral, como Vigo en particular.

Neste senso, Nava Castro destacou que no pasado ano 2015 Galicia recibiu preto de 4,58 millóns de viaxeiros acadando un máximo histórico e liderando o crecemento a nivel estatal. Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta resaltou que o turismo internacional acadou no pasado ano cifras record tanto de volume, con máis de 1,27 millóns de viaxeiros e 2,06 millóns de pernoitas, como de peso no conxunto da demanda representando o 27,8% dos viaxeiros e o 22,4% das pernoitas totais.

Segundo explicou, neste ano, estas cifras van en aumento. “No pasado mes de xaneiro a nosa comunidade acadou o nivel de viaxeiros aloxados nun mes de xaneiro máis elevado desde o 2009 e a cifra de pernoitas máis alta dos últimos seis anos”, afirmou.

En relación á cidade de Vigo, Nava Castro sinalou que no pasado ano a cidade acolleu un total de 309.405 viaxeiros, un 3% máis que no ano 2014 e que no pasado mes de xaneiro continuou incrementando as súas cifras ao acoller un 5,5% máis de viaxeiros que no mesmo mes do 2015.