
As melloras na urbanización da Zapateira aprobáronse por maioría en marzo a proposta do grupo municipal popular, nun dos plenos aos que non asistiu o alcalde
Izaskun García, portavoz do PP: “Rioboo invéntase historias antes que asumir que non está a facer o seu traballo e toma por parvos aos veciños”
O Partido Popular de Culleredo desmente de forma rotunda as acusacións do alcalde, José Ramón Rioboo, quen asegurou nas súas redes sociais e en medios de comunicación que un edil do PP fíxose pasar polo concelleiro de Obras do Concello durante unha reunión con veciños da urbanización Augas Mansas, na Zapateira. “É absolutamente falso”, afirma a portavoz popular Izaskun García, quen denuncia que “Rioboo prefire inventarse historias antes que asumir que non está a facer o seu traballo e toma por parvos aos veciños”.
Onte venres, os veciños de Augas Mansas celebraron unha concentración para denunciar o abandono que sofre a súa urbanización desde hai anos e entregaron no rexistro do Concello un escrito dirixido ao alcalde, apoiado por preto de 150 firmas, esixindo solucións urxentes aos graves problemas de mantemento, infraestruturas e servizos. Desde o PP lembran que esta situación non é nova: fochas en estradas, beirarrúas rotas e cheas de vexetación, maleza sen rozar, un regacho sen acondicionar e cheo de ratas e contedores escasos e deteriorados. “Os veciños levan anos reclamando actuacións, sen obter resposta”, sinala Izaskun García.
Por iso, o Partido Popular levou ao pleno do pasado mes de marzo unha moción cun plan integral de melloras para Augas Mansas, iniciativa que foi aprobada por maioría absoluta co apoio de todos os grupos. Entre os acordos figuraban a elaboración dun proxecto integral, unha partida orzamentaria específica, calendario con prazos concretos, medidas urxentes de limpeza, asfaltado e roza, e reunións periódicas cos veciños. “Pero non se fixo absolutamente nada. Nin un só avance desde entón. E iso que mesmo o PSOE votou a favor.
Quizá o alcalde non o sabe porque ese pleno non o presidiu el, senón a súa primeira tenente de alcalde, e ninguén llo comunicou”, afirma a portavoz popular.
Para o PP de Culleredo, Rioboo só reaccionou ao saber que os veciños preparaban unha protesta para denunciar publicamente o abandono da súa urbanización. “Convocoulles a bulir a unha reunión, e despois faise o sorprendido de que non lla pidan a el antes. Pero o alcalde sabe dabondo cales son as demandas porque levan anos entrando escritos, chamando ao Concello e solicitando reunións. O que pasa é que non lles quixo escoitar”, afirma Izaskun García. “En lugar de dar a cara e poñerse a traballar, Rioboo invéntase unha suplantación que nunca existiu e trata de desacreditar ao PP e aos propios veciños”, afirma García. “Iso non é gobernar. Iso é faltar ao respecto”.
O PP de Culleredo esixe ao alcalde que deixe de utilizar escusas e falsidades e empezo a cumprir os acordos que el mesmo votou. “Os veciños de Augas Mansas non merecen máis abandono, nin máis mentiras”, di García. A portavoz asegura que o seu grupo continuará facendo oposición responsable: “Seguiremos reuníndonos con veciños de todos os barrios e parroquias, escoitando as súas necesidades e levándoas aos plenos. Iso é facer política útil”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.