Monday 16 de June de 2025

A Xunta avanza na mellora da seguridade viaria dos peregrinos coa licitación das obras no Camiño Inglés ao seu paso por Abegondo


— Turismo de Galicia financiará estas actuacións destinando máis de 800.000€

— As obras enmárcanse no proxecto de mellora da seguridade viaria do Camiño impulsado por Turismo de Galicia no que se invisten 40M€ no horizonte 2027

A Xunta de Galicia abre o proceso de contratación para realizar distintas melloras no Camiño Inglés ao seu paso por Abegondo. A licitación publicouse o pasado xoves, 12 de xuño, na plataforma Contratosdegalicia.gal e enmárcase no proxecto de mellora da seguridade viaria do Camiño, impulsado desde Turismo de Galicia e no que se invisten 40M€ con vistas ao Xacobeo 2027.

En concreto, a contratación licitada quere cubrir as actuacións de mellora na seguridade viaria nun treito de reducido espazo que comparte o peregrino e o tráfico na estrada provincial DP-0105, no termo municipal de Abegondo. Para isto, construirase unha nova pasarela peonil de aceiro sobre o leito de O Rego do Fontao, ademais de ampliar a xa existente sobre o río Mero. Ademais, crearanse na contorna dos ríos Mero e Meangos cadansúa senda. A estas actuacións se lle sumará a mellora na sinalización.

Con estas medidas, quérese garantir a seguridade das persoas que realicen esta ruta, así como mellorar a accesibilidade. Para isto, a licitación conta cun orzamento base de 868.737,69€.

O Camiño Inglés é a cuarta das rutas xacobeas por camiñantes, con case 10.000 persoas que recolleron a súa Compostela tras facer este itinerario no que vai de 2025.

A mellora da seguridade viaria e a accesibilidade nos camiños constitúe unha das prioridades para Xunta de Galicia. Neste sentido, Turismo de Galicia está a impulsar o proxecto de mellora da seguridade viaria dos peregrinos, no que se investirán no seu conxunto 40M€ no horizonte 2027, e que permitirá afastar aos camiñantes e usuarios das zonas de circulación de vehículos por onde pasan as rutas xacobeas.

O proxecto inclúe a creación de sendas peonís en máis de 150 quilómetros dos nove camiños de Santiago por terra sobre todo, naqueles treitos comúns coa rede de estradas.
Este plan de mellora da seguridade viaria enmárcase no propósito da Xunta de Galicia por traballar na excelencia da experiencia da peregrinación, un dos obxectivos do Plan Director dos Camiños de Santiago 2027. Búscase, ademais, ir reforzando a seguridade dos peregrinos polos distintos itinerarios.

Deja un comentario