Saturday 23 de November de 2024

O acceso ao monumento natural das Catedrais estará controlado desde este sábado ata o 28 de marzo


A Xunta volve activar o 19 de marzo o Plan especial de visitas para preservar este espazo

O acceso ao monumento natural das Catedrais, en Ribadeo, estará controlado desde este sábado ata o 28 de marzo, con motivo da Semana Santa. A afluencia máxima, ao igual que o verán pasado, estará limitada a 4.812 persoas diarias, dando así continuidade ao Plan de conservación que se puxo en marcha en xuño de 2015.

O obxectivo desta folla de ruta é preservar e conservar este espazo, ao tempo que se fomenta un turismo sustentable. De aí que unha das súas principais medidas sexa evitar unha afluencia masiva, que podería producir alteracións no hábitat das especies e nos procesos erosivos da área.

O control dos visitantes articúlase ao redor da web https://ascatedrais.xunta.es/, a través dun proceso sinxelo e totalmente gratuíto. Os interesados só teñen que acceder á web, elixir a data na que queren visitar este monumento natural e obter a autorización precisa para facelo.

As 4.812 autorizacións vanse repartir por cupos entre distintas entidades públicas e privadas. A inmensa maioría distribuirase a través da páxina web, en concreto, un total de 3.651. Outras 480 autorizacións serán xestionadas pola Mancomunidade de concellos da Mariña lucense; 240 polo Clúster de Turismo de Galicia; 329 polos hoteis de Ribadeo; e 112 para os taxis de Ribadeo.

Na entrada ao areal haberá catro profesionais que controlarán o acceso, informarán sobre o xeito de conseguir a autorización a aqueles visitantes que non a teñan, e ofrecerán información sobre os servizos existentes, así como sobre outros lugares de interese.

Tamén haberá catro persoas encargadas de xestionar as áreas de aparcamento e de axudar aos condutores a atopar unha praza. No Plan da Xunta tamén se coordinan as prazas de aparcadoiro, co fin de evitar conxestións. En tempada alta, disporase de catro aparcamentos distintos e gratuítos: dous deles no concello de Ribadeo, un próximo ao monumento natural, con capacidade para 120 turismos e 4 autobuses; outro a quilómetro e medio, na praia de Barreiros, con capacidade para 70 coches e 10 autobuses e unha superficie anexa para 140 turismos; e, durante a Semana Santa, o concello de Barreiros habilitará unhas explanadas a maiores para estacionar vehículos.

Este ano volverase ofrecer aos visitantes que o desexen un servizo de guía e divulgación ambiental. As visitas realizaranse en grupos de 25 persoas, cunha duración de 30 minutos nos que se abordarán nocións sobre valores ambientais, fauna, flora e xeoloxía.

Este sistema de control, que xa funcionou o verán pasado, rexistrou nos meses de xullo, agosto e setembro un total de 240.000 visitantes. A cota de 4.812 visitantes só se completou en 14 días, todos eles en agosto.