Sunday 15 de June de 2025

A rúa San Andrés acolleu unha xornada participativa con motivo do Día Internacional de Tecer en Público


O evento contou coa colaboración do Concello e reuniu numerosas persoas arredor dunha intervención artística téxtil e actividades ao aire libre

Esta mañá, a rúa San Andrés converteuse nun espazo de encontro e participación cidadá no marco do Día Internacional de Tecer en Público. A xornada, organizada pola mercería La Crisálida, desenvolveuse no entorno da igrexa castrense e contou con actividades abertas como unha instalación artística de tipo yarnbombing, unha sesión de teceduría colectiva e sorteos con material relacionado coas labores.

O Concello da Coruña colaborou na iniciativa facilitando os medios necesarios para o seu desenvolvemento. No transcurso da mañá, a alcaldesa Inés Rey e a concelleira de Emprego, Mercados e Comercio, Diana Cabanas, achegáronse ata o lugar para acompañar ás persoas participantes e mostrar o apoio institucional a este tipo de propostas de dinamización comercial e uso activo do espazo público.

Durante a súa visita, a alcaldesa puxo en valor o interese da cidadanía por iniciativas que combinan creatividade, tradición e actividade económica local, ao tempo que fomentan a convivencia e a recuperación de prácticas culturais en contornas urbanas.

O evento rexistrou unha ampla participación e permitiu visibilizar o papel das labores tradicionais como ferramenta de expresión comunitaria e social.

Deja un comentario