Sunday 15 de June de 2025

María José Gómez destaca a importancia da Formación Profesional para o impulso do rural galego


― A conselleira resalta que a cualificación profesional é clave para crear emprego e fixar poboación no medio rural no marco do acto de promoción da EFA-Fonteboa

― Á xornada de hoxe asistiron 127 alumnos que rematan neste curso 2024/25 a súa etapa formativa

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Manuel Vila, participou hoxe no acto de clausura dos ciclos formativos do Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa, onde destacou a formación profesional como elemento esencial para garantir o desenvolvemento do rural galego. A conselleira subliñou que cualificar e profesionalizar o sector primario é clave para crear emprego e fixar poboación no medio rural.

Durante o acto púxose de manifesto o futuro prometedor do sector primario en Galicia, exemplificado precisamente na mocidade. No curso 2024/25 rematan a súa etapa formativa 127 alumnos, vinculados aos ciclos de grao medio de Produción Agropecuaria, de Guías de Natureza; así como aos de grao superior de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal, Paisaxismo e Medio Rural, e Transporte e Loxística.

Ademais, destacouse o elevado nivel de inserción laboral dos titulados deste centro, cunha taxa próxima ao 100%, o que evidencia as oportunidades que ofrece o sector. “Estar ben formados tamén propiciará que se poida acceder a traballos mellor remunerados ou a dirixir de xeito mais profesional os negocios propios”, sinalou Gómez. Ademais, a conselleira engadiu que os sectores agrícola, gandeiro e forestal requiren profesionais altamente cualificados para asegurar a súa eficiencia, rendibilidade e competitividade.

A titular de Medio Rural tamén fixo fincapé na necesidade de ter un bo nivel de formación e cualificación dos traballadores e empresarios do rural, especialmente nun contexto no que as novas tecnoloxías, a mecanización, a informatización e os avances científicos están transformando os modelos de xestión. Isto implica a incorporación de coñecementos técnicos actualizados, competencias dixitais e unha aposta pola formación continua en ámbitos como a innovación, a sustentabilidade ou a xestión empresarial.

Dinamismo no rural
Neste sentido, Gómez apelou á colaboración entre a administración, os centros de ensino e as empresas como peza fundamental para impulsar o dinamismo do rural. A conselleira recoñeceu o papel das empresas na formación do alumnado e destacou en particular a presenza do Grupo Lence, que este ano apadriña a promoción, referente no sector lácteo galego e español.

A conselleira reafirmou o compromiso do Goberno galego de seguir apoiando todas aquelas iniciativas que contribúan a construír un rural vivo, produtivo e con futuro, especialmente en comarcas como a de Coristanco, cunha forte tradición agrícola e gandeira e con produtores destacados de patacas e gandeiros de referencia.

Este ano, o centro EFA-Fonteboa celebra medio século de traxectoria formando aos profesionais que fan avanzar o campo galego. Desde 1975 ofrece ensinanzas de ESO, Formación Profesional e programas de formación continua adaptados ás necesidades do territorio. A conselleira quixo recoñecer tamén o labor das escolas familiares agrarias, fundamentais para mellorar as condicións de vida e de traballo no rural a través da formación.

Deja un comentario