
Tras recibir luz verde do servizo autonómico de Patrimonio, nos vindeiros días arrincarán as obras para remodelar esta superficie, onde se renovará o pavimento e se gañará unha nova área axardinada
Ao longo dos vindeiros días, o Concello porá en marcha as obras para mellorar a accesibilidade no carreiro peonil da rúa Veramar, un espazo que, pola súa configuración, entre bloques de vivendas residenciais, está concibido para as persoas viandantes.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, apuntou que “as veciñas e veciños solicitaron renovar o pavimento tintado desta rúa, que polo paso do tempo e a súa progresiva erosión, foi experimentando deterioración. Agora, o que faremos será adaptala e incorporar aquí áreas verdes que ata agora non había”.
A rúa Veramar está incluída no ámbito do PEPRI, polo que, como é habitual nestes casos, foi preciso agardar a aprobación do servizo de Patrimonio da Xunta para acometer as melloras previstas. Estes días recibiuse luz verde para facelo, polo que o inicio dos traballos é inminente.
A renovación desta superficie suporá a disposición dun novo firme de formigón cunha zona central axardinada. Unha vez que se concreten as melloras, o carreiro pasará a contar con dúas franxas laterais de tres metros de ancho, concibidas para que por elas circulen os vehículos de emerxencias e tamén para o acceso da veciñanza aos portais das vivendas.
“E, por outra banda, co parterre central incrementamos a superficie de drenaxe. A rúa adaptarase para que a auga da choiva que caia sobre o pavimento circule cara á zona verde. Son detalles que a priori parecen pequenos, pero que suman, porque a incorporación destas áreas axardinadas e con vexetación onde antes non as tiñamos tamén é clave para contribuír a mitigar o cambio climático nas cidades, unha cuestión que forma parte dos compromisos asumidos polo Goberno de Inés Rey en materia medioambiental”, razoou Díaz.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.