Saturday 16 de November de 2024

A Lei do Solo manterá a aplicación subsidiaria e complementaria das normas provinciais ata a aprobación do Plan Básico Autonómico


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, aclarou hoxe no Parlamento que a nova normativa non derroga as normas provinciais

A nova Lei do Solo, que entrará en vigor o próximo 19 de marzo, manterá a aplicación subsidiaria e complementaria das normas provinciais mentres non se aprobe a nova figura que as substituirá: o Plan Básico Autonómico. Así o aclarou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, en resposta a unha pregunta parlamentaria.

As normas provinciais aprobáronse en 1991 e teñen dous obxectivos: ser subsidiarias do planeamento naqueles municipios que non teñen un planeamento; e ser complementarias do planeamento municipal vixente. Isto é, en ningún caso substitúen a un PXOM.

Actualmente, un total de 96 concellos galegos non contan con planeamento urbanístico, polo que están aplicando directamente estas normas provinciais. Deste total, 76 xa teñen iniciado a tramitación do seu PXOM e, polo tanto, poderán seguir con este proceso.

“Gustaríame deixar claro que estes concellos, que dependen das normas provinciais, non van ter ningún problema nin van quedar desamparados legalmente a partir do 19 de marzo”, subliñou Mato, quen insistiu en que a nova Lei do solo non derroga estas normas, senón que establece un réxime transitorio no que se mantén a súa aplicación mentres non se aprobe o Plan Básico Autonómico, a figura que contempla o novo marco normativo e que virá a substituír a estas normas.

Polo tanto, a entrada en vigor do novo texto legal “non supón ningún prexuízo para os concellos que non teñen planeamento, todo o contrario”, considerou a conselleira. Ao respecto, lembrou que un dos máximos obxectivos da nova Lei é que os concellos conten cun instrumento de planeamento “de calidade nun tempo razoable”. De aí que se estableza a figura do Plan Básico Autonómico e, en desenvolvemento deste, os Plan Básicos Municipais, destinados aos concellos de menos de 5.000 habitantes que non conten cun PXOM.

“Queremos que non haxa ningún concello sen PXOM. Queremos que conten cun instrumento de planeamento de calidade: ben a través dos Plans Básicos Municipais, ou ben a través dun PXOM”, rematou Mato, quen puxo en valor o esforzo do Goberno galego por ordenar o territorio e promover un urbanismo sustentable.