Sunday 15 de June de 2025

A Pobra pecha con éxito o programa Autoestimarte, un espazo para o coñecemento persoal a través da arte


· A concelleira de Igualdade, Estefanía Ramos, sinala que a iniciativa suscitou un grande éxito entre a veciñanza, cubríndose as 25 prazas ofertadas.

A autoestima, o fortalecemento persoal e o autocoñecemento. Esas foron as cuestións que se abordaron ao longo de Autoestimarte, un programa da Concellería de Igualdade que acaba de concluír cuns excelentes resultados. Así, como apunta a concelleira, Estefanía Ramos, a iniciativa tivo “unha grande aceptación, cubríndose as 25 prazas ofertadas”.

Autoestimarte dividiuse en dúas sesións que se realizaron ao longo deste mes. A primeira estivo centrada no autorretrato e a segunda na creación de pancartas. Con todo, en ambas xornadas as mulleres participantes traballaron arredor de conceptos como a autoestima, o fortalecemento persoal e o autocoñecemento coa creatividade e a expresión persoal como fíos condutores. Para conseguilo, as participantes contaron coa guía da ilustradora e experta en igualdade e violencia de xénero, Laura Castro Rial.

A concelleira de Igualdade, Estefanía Ramos, sinala a importancia deste tipo de actividades, coas que se traballan “temas fundamentais, creando, así mesmo, un espazo de convivencia e un punto de encontro interxeracional entre veciñas de distintas idades”.

Deja un comentario