
En paralelo, nos últimos días rematáronse actuacións de mellora nas áreas de xogo das Xubias e na rúa Azucenas, no Barrio das Flores
O Concello acometerá proximamente a remodelación do parque infantil da praza Francisco Prego, un espazo situado no interior do barrio da Falperra no que se incrementará a superficie de xogo, o que permitirá duplicar a súa capacidade actual, que pasará de 10 a 27 persoas usuarias.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, detallou polo miúdo as actuacións previstas, que consistirán na renovación e ampliación do firme de caucho, a substitución dos xogos por uns equipamentos totalmente novos —cunha nova estrutura multixogo con capacidade para 22 nenas e nenos— e tamén a incorporación dun novo valado perimetral, con materiais máis resistentes fronte á deterioración e ás inclemencias meteorolóxicas.
Tras a recente reurbanización da rúa Pla y Cancela, e coa próxima licitación das obras do novo centro de saúde de Santa Lucía, o Goberno de Inés Rey avanza coa súa folla de ruta para dar resposta ás necesidades da Falperra. “As melloras no parque infantil de Francisco Prego tamén estaban sobre a mesa, e nas vindeiras semanas arrincarán as obras”, apuntou Díaz, que estimou un prazo de aproximadamente dous meses, desde a súa posta en marcha, para rematalas.
Actuacións nos parques infantís das Xubias e na rúa Azucenas
En paralelo, o Concello continúa con actuacións de mantemento e conservación noutras áreas infantís da cidade. É o caso das existentes nas Xubias e na rúa Azucenas, onde estes últimos días se completou a renovación do firme de caucho dos espazos de xogo, unha tarefa que, cada certo tempo, é necesaria para reforzar a seguridade das crianzas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.