
― José González puxo en valor que a creadora, que nos últimos anos está volcada fundamentalmente no eido do deseño, recolle o legado de diversas técnicas téxtiles, algunhas en desuso, cunha gran aposta pola creatividade e a vangarda
― Destacou pezas icónicas deste obradoiro coma ‘Orixe’, un xersei elaborado con la de raza de ovella galega pola que foi finalista nos Premios Artesanía de Galicia 2023
― Neste eido, destaca tamén o seu labor a prol da reactivación da producción local desta fibra autóctona impulsando o evento Paseo da La, que conta co apoio da Xunta e cuxo obxectivo é dar a coñecer os oficios vinculados á súa produción artesanal
― José González agradeceu tamén o seu traballo divulgador, clave para a remuda xeracional, e a súa colaboración coa Fundación Artesanía de Galicia como docente en eventos como o Corazón da Artesanía da Agolada e Artesanía no Courel
― A Xunta mantén un firme compromiso con este sector que se seguirá potenciando a través do vixente4 Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030 que reforzará, entre outras medidas, a continuidade do programa pioneiro ‘Aprender da tradición’
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá o obradoiro Logaro, proxecto da artesá de deseño téxtil Lola García Romaneli e especializado en calceta, gancho e centón (patchwork).
José González puxo en valor que a creadora, que nos últimos anos está volcada fundamentalmente no eido do deseño— recolle o legado de diversas técnicas téxtiles —algunhas en desuso— cunha gran aposta pola creatividade e a vangarda, froito dunha sólida formación en Madrid, Barcelona e Estados Unidos. Así, o conselleiro destacou pezas deste obradoiro coma Orixe, pola que foi finalista nos Premios Artesanía de Galicia 2023, un xersei elaborado con la de ovella galega, que representa, indicou, a tradición téxtil galega e as técnicas artesanais asociadas ao ámbito doméstico e rural, constituíndo unha vía de reactivación estreitamente vencellada aos materiais autóctonos de Galicia.
A este respecto, o titular de Emprego recoñeceu o compromiso de Lola García co emprendemento vencellado ao territorio e ao impulso da economía de proximidade, dos produtos tradicionais e naturais e da riqueza patrimonial. Cómpre sinalar que é unha das impulsoras do evento Paseo da La, que vén de celebrar a súa cuarta edición en Sarreaus (Ourense) coa colaboración da Xunta e cuxo obxectivo é dar a coñecer os oficios vinculados á produción artesanal da la con Denominación de Orixe, entre os que se atopan pequenos produtores e profesionais dedicados ao procesado, ao fiado artesanal, ao tinguido e ao tecido destas fibras. De feito, puxo en marcha LoeBee, un proxecto de recuperación, fiado e comercialización da la de ovella galega autóctona, en colaboración coa Asociación de Criadores de Raza Ovella Galega. A isto súmase a súa crecente incursión no mundo da moda participando no desfile ArtEncaixe da Mostra do Encaixe de Camariñas, coas coleccións Noiva en 2024 e Prímula en 2025, nas que propón prendas elaboradas á man que unen artesanía tradicional e oficio con deseño contemporáneo.
José González agradeceu tamén o seu traballo divulgador, clave para a remuda xeracional, e a súa colaboración coa Fundación Artesanía de Galicia como docente en eventos como o Corazón da Artesanía da Agolada e Artesanía no Courel.
Impulso estratéxico do sector artesán
Logaro é un dos arredor de 70 obradoiros artesáns ahderidos a Artesanía de Galicia na provincia de Ourense. O Goberno galego mantén un firme compromiso con este sector fundamental, fonte de emprego, de desenvolvemento sustentable e de emprendemento ligado ao territorio, que promove a través do labor fundamental da Fundación Artesanía de Galicia e que, ademais, ten un oco prioritario no vixente Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030, a nova folla de ruta que impulsa a Xunta a prol deste sector clave.
Ademais de medidas específicas para continuar impulsando o sector comercial e adaptándoo aos novos retos, o plan tamén contempla actuacións para garantir a competitividade e a remuda xeracional dos oficios tradicionais, reforzando, entre outras medidas, a continuidade do programa pioneiro iniciado en 2023 Aprender da tradición, coa vontade de incrementar o número de actividades e a diversidade de técnicas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.