
O Coliseo Noela acolleu o acto de ingreso de tres académicos de honra (Luís Rodríguez Ennes, Benedict Buono e José Antonio Ballestero) e unha académica correspondente, Reyes Martel
Mañá sábado terá lugar unha xornada técnica na que prestixiosos poñentes debaterán sobre os retos e perspectivas de futuro do Camiño da Ría de Muros Noia
A Academia Xacobea volveu a Noia ano e medio despois da súa primeira visita atraída pola “profunda vocación xacobea” que se vive nos municipios polos que discorre o Camiño da Ría de Muros Noia. Así o recoñeceu o seu presidente, Marcelino Agis, quen salienta que “os itinerarios xacobeos están nos mapas, pero tamén no corazón das persoas. Esta sesión solemne e a xornada técnica de mañá sábado permítennos vivir a profunda vocación xacobea que ten este itinerario e que vive no corazón de todas estas persoas que se decatan que, alén da historia, está o agarimo das xentes que comparten unha raíz cultural, unha identidade e uns fitos históricos”.
Unhas xornadas promovidas pola Academia Xacobea, en colaboración coa Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, que comezaron esta tarde cunha recepción oficial no Concello de Noia, presidida polo alcalde e presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Santiago Freire, quen agradeceu “o recoñecemento da historicidade da nosa ruta xacobea por parte dos académicos e do seu presidente, como teremos ocasión de comprobar mañá mesmo no antigo Casino de Noia durante as xornadas técnicas”.
Acto seguido, os académicos realizaron unha visita á Igrexa de San Martín de Noia, considerada a basílica xacobea da costa, na que estiveron guiados por Manuela Pérez Mato, arqueóloga, escritora e licenciada en Historia pola USC, na especialidade de Prehistoria, Arqueoloxía e Historia Antiga. Pérez Mato, autora de libros como “A vida en Noia no século XVI” ou “Aproximación histórica ás parroquias de Noia”, aproveitou para facerlles un adianto sobre o terreo da ponencia que impartirá mañá sábado no Casino de Noia.
Novos académicos
Tras a visita a San Martín, a comitiva oficial dirixiuse ao Coliseo Noela, onde tivo lugar a sesión solemne da Academia Xacobea, presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; quen estivo acompañado por Santiago Freire, presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia; Marcelino Agís, presidente da Academia Xacobea; o seu predecesor no cargo e presidente honorífico da entidade, Xesús Palmou; Milagros Otero, secretaria da Academia; e Jesús de Juana, académico responsable das laudatio. Canda eles, numerosos alcaldes e concelleiros dos nove municipios polos que discorre este camiño xacobeo.
O conselleiro destacou a importancia de “reforzar as filas da Academia para impulsar o estudo do fenómeno Xacobeo desde eidos como o xurídico, o académico ou o catedrático dos perfís de novo ingreso”. López Campos destacou o valioso labor desta Academia “axudándonos a manter presentes os valores xacobeos que nos fan medrar como pobo e afianzar as raíces europeas de Galicia”.
Durante a sesión solemne ingresaron tres académicos de honra e unha académica correspondente. Os honorarios son Luís Rodríguez Ennes, catedrático emérito de Dereito Romano e Sistemas Xurídicos Comparados na Facultade de Dereito de Ourense; Benedict Buono, profesor titular e director do Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana na USC; e José Antonio Ballestero, maxistrado e vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial. A académica correspondente é Reyes Martel Rodríguez, maxistrada do Xulgado de Menores nº 1 de As Palmas de Gran Canaria e fundadora do proxecto de integración social #UP2U Project “Depende de ti”, que cada ano peregrina con mocidade a Compostela.
Tras a toma de posesión e as intervencións das autoridades, o Coliseo Noela volveu acoller a proxección de “O Camiño Esquecido”, un documental que recolle as evidencias patrimoniais, históricas e documentais sobre a historia e o trazado desta ruta de peregrinación a Compostela. Nuria de León, recoñecida arpista e cantante, puxo o broche musical á xornada.
Xornada técnica
Para mañá sábado 14 de xuño queda a xornada “O Camiño de Santiago na Ría de Muros Noia”, que terá lugar a partir das 11:00 horas no salón do Antigo Casino de Noia, instalacións postas a disposición da Academia Xacobea polo Concello de Noia en 2023 para calquera actividade que a entidade desexase realizar. Esta xornada técnica comezará con catro ponencias:
– Ás 11:00 horas, Manuela Pérez Mato falará sobre: “O Portus Apostoli e a súa igrexa: San Martín de Noia”.
– Ás 11:20 horas, Mario César Vila, arqueólogo e doutor en Historia pola USC, na especialidade de Prehistoria, Arqueoloxía e Historia Antiga, falará sobre “O Camiño da Ría de Muros Noia dende a análise histórica e Arqueolóxica”, como coordinador do equipo redactor do estudo de historicidade presentado diante da Xunta de Galicia para conseguir a oficialidade deste itinerario.
– Ás 11:40 horas, Antón Pombo, historiador, escritor, xornalista e un dos maiores expertos nos Camiños de Santiago, disertará sobre “A experiencia da peregrinación a través do Camiño da Ría de Muros Noia”.
– Finalmente, ás 12:00 horas, Sebastián Valverde, xerente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, explicará por que, dende perspectiva da xestión pública e do turismo, Galicia precisa da declaración de novos Camiños de Santiago.
Posteriormente, ás 12:30 horas, terá lugar unha mesa redonda sobre os retos e perspectivas do Camiño da Ría de Muros Noia que contará coa participación de Santiago Freire, Marcelino Agís, Antón Pombo e Sebastián Valverde.
Estas dúas xornadas xacobeas rematarán cun paseo no veleiro “Balandro Joaquín Vieta” pola ría. “Con esta iniciativa buscamos achegar aos académicos ao novo concepto de ruta xacobea que estamos promovendo: o camiño marítimo a Compostela a través da Ría de Muros Noia, un produto turístico que está tendo unha gran acollida a nivel nacional e internacional, que se traducen nun incremento significativo do número de peregrinos que desexa facer o Camiño polo mar”, sinala Santiago Freire.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.