Saturday 14 de June de 2025

A A.X. Xiradela celebra o seu Festival de Música e Baile Tradicional de 2025


· A cita será o sábado, 14 de xuño, no anfiteatro do paseo fluvial de Arteixo a partir das 17:30 horas e terá con acceso libre.

· Participará un cento de persoas integradas en 19 grupos de baile e música da asociación arteixá.

A A.X. Xiradela convida á veciñanza da contorna a asistir como público ao seu Festival de Música e Baile Tradicional de 2025 que terá lugar mañá, sábado 14 de xuño a partir das 17:30 horas no anfiteatro do paseo fluvial de Arteixo.

Aproximadamente un cento de persoas actuarán nesta cita repartidos en 19 grupos de baile e música tradicional.

Agárdase que, como en anos previos, máis de 300 persoas se dean cita no anfiteatro, con acceso aberto e libre, para seguir este festival que ten como protagonista o folclore e a tradición galegos.

Entre as persoas que actuarán haberá un amplo abano de idades representadas. Xente desde os 3 anos ata máis de 70 bailarán e tocarán instrumentos tradicionais dando conta de que o folclore galego non ten idade. A nosa cultura continúa pasando de xeración en xeración manténdose viva.

A lista de grupos que participan é a seguinte:

Bilitroques
Estalotes
Grupo de gaitas
Cataruxa
Marusía
Xiradeliñas
Mistura
Chiculate
Arroutada
Riscadeiras
Xiradeliños
Algarada
A Reghochoe
Xestiñas
Lume
Foliadeiras
A Pedreira
Retroula
Cinquilimpé

Nesta Festival de Música e Baile Tradicional colaboran a Deputación da Coruña e o Concello de Arteixo.

QUEN É XIRADELA

A Asociación Xuvenil Xiradela, radicada no concello de Arteixo, nace no ano 1982 co obxectivo de recuperar o noso folclore e gozar do tempo de lecer, así como de colaborar con outras asociacións ou entidades que lle permiten, por un lado difundir o seu traballo, e por outro, promover a socialización da rapazada con xente doutras asociacións.

Comezou impartindo a actividade de baile tradicional, e despois ampliou coas actividades de pandeireta e canto tradicional, gaita e percusión.

A partir do ano 1984 créase un grupo de investigación para a recollida de música, cantigas, literatura oral, costumes, bailes e traxes dos nosos devanceiros, a súa recuperación e divulgación, que pretende ser o máis fiel posible coa máis pura tradición galega.

Ademais do concurso de música, dende o ano 1987 e de xeito continuo vén celebrando o Día da Muiñeira en Arteixo no mes de maio ou xuño. Trátase dunha exhibición na rúa de bailadores e bailadoras da peza máis emblemática do noso folclore.

No caso do Concurso de Música Tradicional é un acontecemento que nacía no ano 2000 coa intención de promover a participación das escolas de música tradicional para que a mocidade puidese ter máis actuacións e relacionarse entre si, e facilitar deste xeito o coñecemento da nosa cultura. Este ano celebrouse a edición 25.ª

Deja un comentario