
Por medio da presente informo a vostedes que a comezos desta semana se cometeu un novo acto de vandalismo contra o patrimonio histórico e artístico da Pobra do Caramiñal. Acto que pola súa gravidade e en atención á lei do Patrimonio Cultural de Galicia, como cidadá, puxen en coñecemento das autoridades municipais e agora aos medios de comunicación públicos.
O Pazo da Mercé (freguesía de Santo isidro de Posmarcos, A Pobra do Caramiñal), é un senlleiro monumento desta comarca do Barbanza, así pola súa historia, como polos persoeiros aos que serviu de residencia e polo que aquí fixeron, en especial o ilustrado Frei Martín Sarmiento e o universal escritor Ramón del Valle-Inclán. Arquitectura composta por un edificio residencial e capela anexa, pombal e cruceiro, muro perimetral do antigo campo da feira cun fornelo que era fonte… logo de sufrir incendio xeral de causas e orixes nunca resoltas no ano de 1983; logo da destrución e do espolio sucesivo de parte das súas riquezas artísticas, a saber: o retablo barroco e imaxes centenarias, a escultura da SS. Trinidade na fachada da capela, o escudo do Real Mosteiro de San Martín Pinario –do que foi priorado— situado na fachada posterior da capela, mesmo o mascarón do que manaba a auga da fonte no muro de contención da finca; logo da ruína consentida por todos os equipos dos gobernos municipais de todas as cores políticas dende aquel 1983 ata o presente 2025; logo de que tanto propietarios como autoridades locais sigan ignorando con escándalo as súas obrigacións e responsabilidades dispostas por leis autonómicas como son a lei do Patrimonio Cultural de Galicia e a lei de Rehabilitación de Galicia, con evidente risco de desplome e perda definitiva deste conxunto monumental único como de accidente para as persoas… suma agora a afectación dos seus valores, e do respecto que como herdanza dos nosos devanceiros merece, sufrindo a acometida de grandes pintadas de grafiti nos seus paramentos centenarios. Un delito máis contra o patrimonio histórico ante o que todos nós debemos reaccionar e exixir depuración de responsabilidades conformes á lei, identificando a autoría e impoñendo a sanción que corresponde así como a reposición do ben danado ao estado que debe ofrecer un monumento, que non é un simple monumento calquera (os grafitis están asinados e, polo seu tamaño e situación, na parede da capela lindante coa beirarrúa e a estrada C-550 de seguro haberá testigos).
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.