
O patio conta cunha superficie máis verde, accesible e adaptado ao xogo e á aprendizaxe activa
O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, visitou esta tarde o novo patio exterior do CEIP Ramón de la Sagra, no barrio de Elviña. A intervención, promovida polo Concello, permitiu transformar este espazo co obxectivo de ofrecer un entorno máis naturalizado, funcional e adaptado ao xogo. O investimento realizado ascendeu a 240.000 euros.
O proxecto foi resultado dun proceso participativo no que colaboraron a comunidade educativa, familias, exalumnado e veciñanza do barrio, xunto ao arquitecto Fermín Blanco. O deseño apostou por incrementar as zonas verdes, mellorar a accesibilidade e diversificar os usos do espazo exterior.
Entre as actuacións realizadas destacan a creación dun souto de castiñeiros con cabanas de xogo, a restauración do castelo multixogo existente, a incorporación de novos elementos lúdicos e a instalación dun percorrido adaptado. Tamén se habilitou un novo peche de madeira con valor estético e funcional, integrado na contorna urbana.
Durante a visita, o concelleiro destacou que esta obra forma parte do compromiso do Goberno de Inés Rey cos centros educativos da cidade e lembrou que, dentro das súas competencias, o goberno local continúa mellorando os espazos que empregan a diario as nenas e nenos da Coruña.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.