Saturday 14 de June de 2025

O Concello de Neda ultima a actualización dos plans de autoprotección dos centros educativos públicos


O Concello de Neda traballa na actualización dos plans de autoprotección dos tres centros educativos públicos do municipio. A administración local contrataba hai uns meses esta intervención, orientada fundamentalmente a identificar os posibles focos de perigo nos diferentes escenarios relacionados coa contorna escolar, e ensinar á comunidade educativa como actuar ante posibles emerxencias.

Explican dende a firma encargada dos traballos que se fixo unha renovación dos documentos existentes, incorporando as modificacións realizadas nos distintos centros e adaptando os respectivos plans de emerxencia dos centros.

En paralelo, profesorado e persoal do CEIP Maciñeira e do IES Fernando Esquío participaron xa en accións formativas, destinada a “refrescar” coñecementos sobre prevención de riscos (accidentes, incendios…), minimización das súas consecuencias, e pautas de cara a unha posible evacuación do centro.

Finalmente, antes das vacacións estivais, está previsto a realización dun simulacro nos centros. Un exercicio práctico que permitiría facer un seguimento do protocolo establecido a nivel teórico. Así, esta ferramenta de prevención fará posible informar a profesorado e alumnado sobre como actuar se chegara a producirse unha incidencia que requirise o desaloxo das instalacións.
No caso do CEIP San Isidro, por decisión do equipo directivo, a formación e o simulacro posporanse ata o arranque do curso académico 2025- 2026.

Deja un comentario