
Estará a disposición do público durante o verán de luns a sábado.
O Concello volverá poñer en funcionamento durante os meses de verán a oficina municipal de turismo de Caión que estará situada, do mesmo xeito que nos anos anteriores, nas instalacións da antiga reitoral de Caión, un espazo céntrico e emblemático da vila costeira.
A apertura será este martes. O servizo funcionará os luns en horario de tarde (15:00 a 18:00 h), do martes ao venres estará operativo pola mañá e pola tarde (de 10:00 a 14:00 e de 15:00 a 18:00 h) e os sábados abrirá pola mañá (de 10:00 a 14:00 h). Os domingos será a xornada de descanso.
A oficina contará con persoal técnico especializado que proporcionará información sobre os principais recursos turísticos do concello da Laracha, así como doutros municipios da comarca de Bergantiños, da Costa da Morte e de Galicia en xeral.
A oficina de información turística funciona como punto de acollida e orientación para o visitante, e tamén como ferramenta para promover Caión como destino turístico de referencia pola súa riqueza patrimonial, natural e cultural, en especial durante o verán ao tratarse da época do ano de maior afluencia.
A través deste servizo os usuarios poderán coñecer en detalle a oferta local de praias, roteiros, festas, eventos, patrimonio histórico, establecementos hostaleiros e propostas de ocio.
Ademais da atención presencial, os interesados poden seguir a actualidade turística municipal a través das redes sociais oficiais e específicas nesa materia, dispoñendo de perfís en Facebook e Instagram.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.