Saturday 14 de June de 2025

A Xunta e o Concello de Frades avanzan no deseño do proxecto para ampliar a ETAP de Ponte Carreira cun investimento de máis de 500.000 euros


Augas de Galicia e o Goberno local perfilan os últimos detalles para poder asinar proximamente o convenio de colaboración entre as partes no que o Executivo autonómico aportará o 80% do financiamento e o municipio o 20% restante

Este é un dos compromisos adquiridos pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático co rexedor xunto ao acondicionamento da área recreativa da Presa, unha actuación que tamén está na fase final de definición dos distintos traballos

A Xunta e o Concello de Frades avanzan nas xestións para poder executar o proxecto de ampliación da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Ponte Carreira, unha actuación que requirirá dun investimento de máis de 500.000 euros e que se desenvolverá ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Goberno local no que o Executivo autonómico aportará o 80% do financiamento preciso e o Concello o 20% restante.

O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e o rexedor de Frades, Roberto Rey, analizaron esta semana o proxecto para executar esta ampliación e perfilaron os últimos detalles para que o convenio de colaboración entre as partes poida ser asinado proximamente. Un encontro no que tamén participaron o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosquera, e o concelleiro de Medio Rural, Manuel Ferreiro.

Roberto Rey agradeceu a colaboración de Augas de Galicia para aprobar un proxecto “prioritario para o noso municipio xa que permitirá garantir o abastecemento de auga para os veciños e veciñas de Frades, sobre todo porque nos últimos anos se incrementou o número de persoas aboadas a este servizo, debido ás sucesivas ampliacións da rede municipais que fomos executando en colaboración coa Xunta de Galicia, e porque as instalacións da actual ETAP están ao límite da súa capacidade”.

Aumentar a capacidade da ETAP

Deste xeito dáse cumprimento a un compromiso da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, adquirido nunha reunión anterior co propio alcalde. Unha vez firmado ese acordo, o seguinte paso será licitar as obras co fin de que os traballos poidan comezar o antes posible.

O fin último dos traballos será aumentar a capacidade de tratamento e a operatividade da ETAP nun 20% mediante a substitución das bombas existentes na captación en alta e a instalación dun novo equipamento de decantación así como dun sistema de filtración con mellores prestacións que o existente na actualidade.

Deste xeito, a infraestrutura estará en condicións de atender as necesidades de abastecemento de auga existentes na contorna e facer fronte ao aumento da demanda rexistrado nos últimos anos, dando así un mellor servizo ao conxunto da veciñanza.

Encoro da Presa

Augas de Galicia e Concello de Frades tamén avanzaron no proxecto para acondicionar, manter e conservar, con destino a uso público, o encoro da área recreativa da Presa (Ledoira), que se atopa en dominio público hidráulico do río Tambre, outro dos compromisos adquiridos por Ángeles Vázquez co alcalde de Frades.

Neste caso, Roi Fernández e Roberto Rey perfilaron os últimos detalles dunha iniciativa que requirirá dun investimento de arredor de 50.000 euros e que se materializará a través doutro convenio de colaboración no que a Xunta aportará o 100% dos fondos. “Neste caso, será a Xunta que repare o encoro sobre o río Tambre e despois procederá á súa cesión ao Concello de Frades, que se encargará da súa conservación e mantemento”, apunta Rey Martínez.

Colaboración cos municipios

A Xunta continúa así prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias en materia de abastecemento e saneamento de xeito máis eficiente para que poidan prestar servizos da máxima calidade ao conxunto da cidadanía da súa área de influencia.

De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 millóns de euros, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación así como a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.

O obxectivo principal é facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.

Deja un comentario