— Os realizadores Alejandro T. Tarraf, Fon Cortizo e Ángel Santos guiaron, respectivamente, a produción e rodaxe dos filmes dos colexios A Reigosa de Ponte Caldelas, A Rúa de Cangas e Tenorio de Cerdedo-Cotobade
— Esta sesión conxunta ponlles fin ás actividades pedagóxicas desenvolvidas durante o curso 2024-2025 pola cinemateca da Xunta, coa participación de 1.765 escolares e 49 docentes de 29 colexios e institutos galegos
A Filmoteca de Galicia recibiu esta mañá na súa sede da Coruña o alumnado dos tres colexios galegos participantes no programa Cinema en curso para a estrea das películas que realizaron co acompañamento dos cineastas Alejandro Tarraf, Fon Cortizo e Ángel Santos no marco desta iniciativa pedagóxica internacional, coordinada en Galicia pola cinemateca da Xunta.
Nesta nova edición de Cinema en curso participaron 44 estudantes e sete docentes de sexto de Primaria dos colexios A Reigosa de Ponte Caldelas, A Rúa de Cangas e Tenorio de Cerdedo-Cotobade. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, deulles á benvida á Sala José Sellier nesta sesión de clausura, onde os tres grupos presentaron cadansúa produción e mantiveron un coloquio tras as respectivas proxeccións.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recibiunos e felicitounos pola calidade dos filmes, ademais de agradecer o compromiso do profesorado no desenvolvemento desta iniciativa e a implicación do trío de cineastas que os acompañou este curso. “Volvemos conseguir tres novos títulos, dous documentais e un de ficción, que ademais do evidente labor pedagóxico transversal, xa cumprido, pasan agora a formar parte do arquivo fílmico da cinemateca galega, que é tamén a vosa casa e onde teredes sempre un espazo para continuar afondando no voso interese polo cinema”, continuou Sutil.
Alfabetización audiovisual
Lembrou, ademais, que este programa se insire no conxunto de actividades centradas na alfabetización audiovisual que a Xunta promove a través da Filmoteca de Galicia e do que tamén forman parte os talleres de Fotografía en curso ou as proxeccións de Filmoteca júnior e Outras miradas. No curso 2024-2025, todas estas actividades chegaron a 1.765 estudantes e 49 docentes de 29 centros de ensino galegos.
A Filmoteca encárgase da coordinación na nosa Comunidade de Cinema en curso, proxecto internacional impulsado pola asociación A Bao A Qu cuxa metodoloxía educativa fundaméntase no vínculo entre ver e facer cinema. A iniciativa celebra a súa 20ª edición cun radio de acción que se estende xa a España, Alemaña, Eslovenia, Lituania, Serbia, Colombia, Xapón, México e Tanzania.
Filmes sobre o territorio e as cuestións vitais da rapazada
Tras a benvida de Jacobo Sutil, a xornada comezou coa proxección de Un templo sen teito, un documental gravado na Área Arqueolóxica de Tourón no que se recolle a lingua dos petróglifos e as vivencias e lembranzas que habitan o lugar a través da voz de tres veciños. Este filme foi realizado polo alumnado de 6º de Primaria do colexio Plurilingüe A Reigosa de Ponte Caldelas e contou co acompañamento de Alejandro T. Tarraf.
Vincles, apertas, paraules fermosas entre Cangas i Torrelameu é a proposta de 6º de Primaria do colexio A Rúa de Cangas, co acompañamento de Fon Cortizo. Trátase dunha correspondencia cinematográfica realizada xunto a escolares de Torrelameu, en Lleida, que á súa vez estaban titorizados pola cineasta catalá Ingrid Ferrer. A través das cartas cinematográficas enviadas entre os dous equipos, descubriron as súas respectivas vilas desde o cinema, retratando e compartindo espazos, tradicións e palabras nos dous idiomas.
A fita de ficción Caer na conta está asinada polo curso de 6º de Primaria do colexio de Tenorio, no municipio de Cerdedo-Cotobade. A historia, para a que contaron coa guía do director Ángel Santos, conta a vida de Marcos, un neno que pasa as tardes cos seus avós e que, antes de comezar unha nova etapa no instituto, sente que o tempo se lle escapa e que todo está a mudar arredor del.
Presentacións nos seus concellos
Tras as estreas de hoxe, as tres películas presentaranse este mes nos seus lugares de orixe: Un templo sen teito proxectarase o martes 17 ás 20,00 h. na praia fluvial A Calzada de Ponte Caldelas; Vincles, apertas, paraules fermosas entre Cangas i Torrelameu, tamén o 17 ás 16,30 h. no Auditorio Xosé Manuel Pazos de Cangas, e Caer na conta, o venres 20 no Auditorio de Cerdedo-Cotobade. Posteriormente, poderán verse en liña no sitio web de Cinema en curso e no da Filmoteca de Galicia.
Fotografía en curso é outra das actividades pedagóxicas desenvolvidas pola cinemateca galega, no marco da que este 2024-2025 se levaron a cabo oito proxectos fotográficos en 11 centros educativos coa participación de 835 estudantes, desde Educación Primaria ata Bacharelato, e 32 docentes. Como parte desta acción, hoxe venres ás 18,00 horas inaugúrase na Estrada a exposición Aprendendo da festa, do alumnado de Bacharelato de Artes do instituto Manuel García Barros.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.