O alcalde explicou que xa hai 4 propostas para ocupar o edificio
O novo Viveiro de Empresas viviu este mediodía a súa inauguración como unha aposta polo fomento do emprendemento e a creación de emprego na nosa contorna.
Contou coa participación do alcalde Manuel Ruiz; o presidente da Deputación, Valentín González; o director xeral da fundación Incyde, Javier Collado; e o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey. Acompañábaos representantes dos distintos grupos municipais, centros educativos e colectivos empresariais do concello.
O acto serviu tamén para a sinatura dun convenio de colaboración en virtude do cal a cámara compostelá desempeñará labores de asesoramento aos usuarios do recinto, máis unha addenda ao acordo xa subscrito coa fundación Incyde, unha institución que aglutina a 87 cámaras de comercio do territorio nacional, responsabilizándose da creación de máis de 130 viveiro de empresas e que financiou o 80% do custe do de Riveira.
Niño empresarial
Javier Collado expresou a súa confianza en que este edificio, totalmente renovado a partir do abandonado matadoiro municipal, será “nido de muchas empresas”, en tanto que Jesús Asorey manifestou a súa intención de poder axudar aos ocupantes do espazo do mesmo xeito que o veñen facendo no viveiro de Santiago, nestes momentos o mellor valorado de España segundo a fundación Funcas.
O alcalde Manuel Ruiz informou de que a día de hoxe hai xa 4 propostas para ocupar algunha das 9 oficinas postas a disposición dos potenciais emprendedores e incidiu en que a infraestrutura inaugurada hoxe ten que ser clave para o tecido produtivo do noso pobo e para a súa creación de riqueza.
Pola súa parte, Valentín González, presidente da Deputación (a institución provincial colaborou coa financiación do 20% do proxecto), avogou por que moitos dos proxectos iniciados no enclave se convertan co paso do tempo en “proxectos consolidados que xerarán emprego e ilusión ás familias de Riveira e o entorno”.
Tal e como explicou a enxeñeira municipal, a infraestrutura conta con 362 metros cadrados de superficie útil, con 10 despachos (un ocupado dende esta semana polo Servizo de Orientación Laboral e os outros nove a disposición dos emprendedores), unha sala de reunións e outra de usos múltiples. No exterior dispón dunha pequena área de aparcamento.