Saturday 14 de June de 2025

A quinta edición do programa CultuRúa comeza coa película galega Salta!


A primeira actividade terá lugar o venres, 20 de xuño, ás 22.30 horas no Campo da Feira.

O programa municipal CultuRúa 2025 trae ao Campo da Feira propostas de cine, teatro, música e maxia. Esta programación estival comezará o venres, 20 de xuño, coa película galega Salta! dirixida por Olga Osorio. É unha divertida película recomendada para toda a familia, rodada na Coruña, e que mestura ciencia ficción con comedia. A proxección comezará ás 22:30 horas.

Moby Dick é un espectáculo teatral de rúa a cargo da compañía Pedras de Cartón que se presenta en Carral o xoves, 26 de xuño, ás 18:00 horas. A famosa balea do conto de Herman Melville deambulará polo Campo da Feira xunto a un mariñeiro que vivirá perigosas aventuras.

A música infantil chega da man de Paco Nogueiras con C@nto Contigo, no que repasará algúns dos seus principais éxitos. O concerto terá lugar o xoves, 24 de xullo, ás 18:00 h. Á mesma hora do día 21 de agosto preséntase Punto en boca: entre fíos anda o lío, unha proposta do Centro Dramático Galego e Raquel Crespo. É un espectáculo de música, narración e movemento para o goce de pequenos e maiores, ofrecéndonos historias de costureiras.

CultuRúa rematará o 22 de agosto co espectáculo que repasará os 50 anos de traxectoria artística do Mago Antón. 50 (1975 – 2025) presenta algúns dos números máis aplaudidos nas funcións do Mago Antón, xunto con algunhas novas creacións que sorprenderán ao público. Este espectáculo terá lugar no Magomóbil que se instalará no Campo da Feira, en 4 pases que terá lugar cada hora, sendo o primeiro ás 17:00 horas. Para a boa organización de cada pase, as persoas interesadas deberán retirar os convites na Casa da Cultura desde o día 20 de xuño en horario de mañá.

Para facer posible esta programación, o Concello de Carral conta coa colaboración da Deputación da Coruña a través da súa Rede Cultural e da Xunta de Galicia co Centro Dramático Galego e o programa Cultura no Camiño.

Información detallada dos espectáculos de CultuRúa 2025 premendo aquí.

Deja un comentario