Saturday 14 de June de 2025

A dragaxe do porto de Espasante dá un paso máis e sae a información pública


O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, destacou que “estamos #ante unha das intervencións máis importantes da última década no noso municipio, tanto polo seu impacto económico como polo seu valor estratéxico para o desenvolvemento portuario e a protección dun dos nosos grandes valores: a incomparable contorna costeira”.

Este paso é o previo á licitación dun proxecto cuxo orzamento ascende a máis de 1,1 millóns de euros e dragará máis de 75.000 metros cúbicos de sedimentos.

O obxectivo desta obra, unha das máis importantes da historia recente de Ortigueira, é resolver os problemas de sedimentación que impiden o uso normal do porto.

O Concello de Ortigueira anuncia que o proxecto de dragaxe do porto de Espasante, promovido por Portos de Galicia, entrou en fase de información pública, paso previo á súa próxima licitación por un importe de 1.164.340,35 euros. Trátase dunha das actuacións máis relevantes da historia recente de Ortigueira, tanto pola súa envergadura económica como polo seu impacto directo na operatividade do porto e na protección do litoral.

O proxecto ten como obxectivo resolver os problemas de sedimentación que dificultan actualmente o uso normal do porto. Esta situación, provocada pola dinámica natural de acumulación de sedimentos, impide que moitas embarcacións poidan manobrar ou atracar en condicións adecuadas. A intervención contempla un plan plurianual de dragaxe, cunha primeira fase de recuperación do calado e futuras actuacións de mantemento adaptadas ás necesidades.
En total, se dragarán 42.150 metros cúbicos de material na primeira intervención e 33.437,50 metros cúbicos no cuarto e último ano. A zona abarca tanto o acceso ao porto como a dársena interior, sobre unha superficie que supera os 24.000 metros cadrados.

O material extraído, catalogado por Portos de Galicia como apto para a súa reutilización, terá como destino prioritario a praia da Concha, na propia localidade de Espasante, onde este sedimento contribuirá a frear o retroceso da liña de costa e a estabilizar o sistema dunar. O transporte realizarase mediante unha draga de succión e unha condución flotante. Tamén se contempla unha alternativa técnica para a vertedura nunha zona autorizada en alta mar, situada a unhas sete millas do porto.
Ao ser exposta ao público, tanto as administracións afectadas como a cidadanía poderá presentar alegacións ou observacións sobre os seus posibles efectos ambientais na contorna.

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, destacou que “esta é unha obra longamente esperada polo sector marítimo do municipio. A dragaxe de Espasante é fundamental para recuperar a operatividade do porto e garantir que as nosas embarcacións poidan traballar con normalidade e seguridade durante todo o ano”.

Calvín subliñou a magnitude dun investimento que “destina máis de 1,1 millóns de euros a Ortigueira”, o que “demostra a implicación de Portos de Galicia e, por extensión, o goberno autonómico. Estamos #ante unha das intervencións máis importantes da última década no noso municipio, tanto polo seu impacto económico como polo seu valor estratéxico para o desenvolvemento portuario e a protección dun dos nosos grandes valores: a incomparable contorna costeira”.

Deja un comentario