
Tres obradoiros e un vídeopodcast compoñen a oferta municipal do 28X, para a que xa están abertas as inscricións
A Área de Igualdade do Concello de San Sadurniño celebra as diversidades sexuais e afectivas con motivo do Día Internacional dos Dereitos LGTBIQ+, máis coñecido como Día do Orgullo. Unha data para reivindicar a plenitude de dereitos de quen é libre de sentirse e amar como queira. Dereitos que, por certo, están véndose ameazados en todo o mundo polo rexurdir dos discursos de ultradereita que xa penetraron en moitos gobernos. Contra deles só cabe a educación e a concienciación en valores de tolerancia. Nese sentido, en San Sadurniño hai programados tres obradoiros en colaboración con O Castelo de Narahío, a Asociación Brío e Avante LGBT+ Ferrolterra. As inscricións están abertas a través do correo oriana.lopez@sansadurnino.gal ou do teléfono 695 876 178.
A primeira proposta terá lugar no local social da Veiga, en Naraío, o sábado 21 de xuño ás 11:00h, baixo o título “E iso de queer que é?”. Coa axuda da asociación Avante LGBT+ Ferrolterra e a colaboración da AVV O Castelo de Narahío organízase un entretido obradoiro de collages e fanzines no que aprender o significado de palabras como trans, travesti, transinclusivo, transexcluínte, heteronorma, xénero, etc. e tamén cales son as realidades ás que se refiren estes conceptos.
Ademais de parolar e intercambiar pareceres, as persoas participantes -preferentemente adolescencia, mocidade e adultas-, traballarán coa técnica do collage para facer unha pequena revista que, ao tempo, lles servirá para reflexionar sobre as súas propias identidades.
A seguinte cita do programa do Orgullo está fixada na axenda para o venres 27 de xuño ás 11:00h nos Xardíns municipais. A Asociación Brío volve colaborar nos actos co gallo do 28X para reivindicar tódolos xeitos diversos que existen de ser e sentir. Desta vez desenvolveranse dous obradoiros simultáneos para a rapazada máis pequena e para a que xa está entrando na adolescencia.
No primeiro, titulado “Abrindo a fiestra á diversidade”, as pequechas e pequechos de 3 anos en diante deseñarán adhesivos con debuxos con temática relacionada cos dereitos LGTBIQ+ para poder decorar fiestras, neveiras e calquera outro espazo da casa.
As nenas e nenos máis grandes, a partir de 8 anos, participarán no obradoiro “Camiñando cara á diversidade”. Pintarán unhas baldosas para facer un Camiño da Diversidade entre o carreiro central dos xardíns e a Árbore da Diversidade situada a uns metros.
Estes obradoiros creativos irán desenvolvéndose mentres a rapazada coñece coa axente de Igualdade conceptos básicos relativos á diversidade LGTBIQ+, “ademais de tomar conciencia de que os dereitos e a igualdade coa que contamos agora conseguíronse grazas á protesta e o esforzo de moita xente, malia que aínda quede moito por facer”, apunta a concelleira do ramo, Araceli Bellas Castro.
A concelleira incide en que estas accións “están pensadas como un xogo para traballar coas nenas e nenos aspectos como o respecto e a empatía. Valores que fan moita falta nos tempos actuais en que parece que a sociedade está retrocedendo en liberdades e no entendemento doutros xeitos de ser e de sentir”.
Xa o propio Día do Orgullo LGTBIQ+, o sábado 28 de xuño, as propostas municipais co gallo desta data trasládanse ás redes sociais, coa estrea ás 20:00h dunha nova entrega do videopodcast “Falando sen Cancelas.
A técnica de Igualdade, Oriana López Castiñeira, conversará con Lucía Vázquez Pérez, unha das fundadoras da asociación Mestas Cedeira!. Na parola, duns vinte minutos de duración, abordarán o asociacionismo LGTBIQ+ no rural, as actividades que organiza este colectivo para dinamizar a vida local e dar visibilidade ao seu movemento, “e que recursos temos ao noso alcance para coñecer mellor as realidades das persoas LGTBIQ+ que forman parte das nosas comunidades e coas que convivimos a diario”, resume López Castiñeira.
O episodio poderá verse na canle de Youtube do Concello de San Sadurniño e tamén nas páxinas municipais en Facebook -Concello de San Sadurniño e San Sadurniño en Igualdade-. Ademais, a estrea irá seguida nos días posteriores de varios reels con comentarios de Lucía Vázquez ao respecto dos temas tratados na conversa.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.