Saturday 14 de June de 2025

O Concello encara a recta final das obras para repor o muro do lugar das Pontes


· O alcalde, José Carlos Vidal, e a concelleira de Obras, Patricia Lojo, visitaron o lugar para comprobar o avance do proxecto.

O Concello encara a recta final das obras para repor un muro de contención e acondicionar a contorna do lugar das Pontes, na parroquia de Posmarcos. O alcalde, José Carlos Vidal, e a concelleira de Obras, Patricia Lojo, visitaron o lugar nos últimos días para comprobar o avance dos traballos, que cualificaron como “esenciais para reforzar as condicións de seguridade viaria na zona”.

O Concello está actuando sobre un treito do muro situado nunha vía que presenta un importante desnivel duns cinco metros con respecto ás fincas lindeiras pola zona sur. Esta diferenza de altura resolveuse, no seu día, por medio da execución dun muro. Porén, a estrutura presentaba un problema de estabilidade, con fendas e un abombamento. As actuacións municipais permitirán, precisamente, resolver as problemáticas da estrutura.

Para solucionar as deficiencias, o proxecto do Concello incluíu a demolición do treito afectado, duns 24 metros, e a súa reposición empregando o mesmo sistema construtivo con muro de perpiaño. As actuacións completaranse coa reposición das escaleiras de acceso á parcela situada no flanco sur.

Deja un comentario