Saturday 14 de June de 2025

O Concello homenaxea aos cadetes do Club Remo Puebla, campións de traiñeiriñas de España


O equipo foi recibido polo alcalde, José Carlos Vidal, que felicitou aos deportistas polo seu “esforzo e dedicación”.

O Club Remo Puebla continúa colleitando éxitos nas diferentes competicións nas que participa. Un dos últimos conseguírono no Campionato de España de Traiñeiriñas, un certame no que o equipo de cadetes masculino se converteu en campión de España. O Concello organizou, hoxe, unha recepción para felicitar e pór en valor o título nacional.

Alí foron recibidos polo alcalde, José Carlos Vidal, polas concelleiras do goberno local, Patricia Lojo, Estefanía Ramos e Amparo Cerecedo e tamén da corporación municipal. Durante a súa intervención, o rexedor aproveitou a ocasión para felicitar a todo o Club polos resultados obtidos durante a tempada “que son froito do voso incrible esforzo e dedicación”.

O Campionato de España de Traiñeiriñas celebrouse, a finais de maio, na Pobra, reunindo a algúns dos mellores remeiros, non só de Galicia, senón tamén de toda España. Ao primeiro posto do equipo cadete masculino hai que sumar, así mesmo, outros dos fitos conquistados polo Club Remo Puebla durante a cita: as sétimas posicións acadadas polas rapazas do cadete feminino e polo xuvenil masculino.

Deja un comentario