Friday 13 de June de 2025

As tres universidades públicas galegas ofertarán o vindeiro curso catro dobres graos e doce másteres novos dentro das máis de 17.100 prazas totais


— Autorízanse as simultaneidades de grao en Enxeñaría Informática e en Ciencia e Enxeñaría de datos na UDC e en Enxeñaría Informática e en Intelixencia Artificial, en Enxeñaría Agraria e en Ciencias Ambientais e en Enxeñaría Agraria e en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos na UVigo

— Tamén se ratifica a proposta de matrículas universitarias gratuítas para o vindeiro curso, consolidándose así unha medida pioneira da Xunta de apoio ás familias galegas implantada este curso

As tres universidades públicas galegas ofertarán o vindeiro curso catro dobres graos e 12 másteres de nova implantación, dentro das 17.102 prazas universitarias totais dispoñibles, tal e como avaliou o Consello Galego de Universidades na súa reunión de hoxe presidida polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez. Coma todos os anos, a oferta deberá ser ratificada definitivamente polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través da Conferencia General de Política Universitaria.

No que atinxe ás titulacións de grao, condicionado á resolución de verificación favorable a nivel estatal, o Consello Galego de Universidades na súa reunión de hoxe autorizou a implantación de dobres graos nas universidades da Coruña e de Vigo.

No caso da UDC entra como nova oferta o programa de simultaneidade de Grao en Enxeñaría Informática e Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos (Campus da Coruña). Na UVigo serán de nova oferta o próximo curso os programas de simultaneidade de Grao en Enxeñaría Informática e Grao en Intelixencia Artificial (Campus da Coruña), Grao en enxeñaría Agraria e Grao en Ciencias Ambientais (Campus de Ourense) e Grao en Enxeñaría Agraria e Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos (Campus de Ourense).

Por outra parte, tamén se deu o visto e prace á implantación do Grao en Dereito da Universidade Intercontinental de la Empresa.

Másteres
En canto aos másteres, autorízanse un total de 12 a razón de dous na Universidade da Coruña, tres na Universidade de Santiago de Compostela, dous na Universidade de Vigo e cinco compartidos entre as tres universidades pública galegas.

Así pois, na UDC impartiranse os másteres universitarios en Cronicidade e Novos Modelos de Atención Sociosanitaria e en Informática Industria e Robótica (este último será interuniversitario coas universidades de La Laguna e de Extremadura).

A USC impartirá o máster universitario en Materiais Avanzados (compartido con outras oito universidades de fóra de Galicia), o máster en Xestión da Arte e do Patrimonio Cultural (que substitúe o máster en Xestión do Patrimonio) e o máster en Atención Santiaria, Xestión e coidados (que é unha reverificación doutro coa mesma denominación que agora se extingue).

A UVigo impartirá os másteres universitarios en Creación Artística Contemporánea e en Literatura Dramática, Música e Artes Escénicas.

Así mesmo, a UDC e a UVigo impartirán de xeito compartido os másteres en Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva e en Realidade Estendida. A USC e a UVigo compartirán o máster en Prevención e Abordaxe Multidisciplinar das drogodependencias e Condutas; e a UDC, a USC e a UVigo compartirán os másteres en Ensino do Español como Lingua Estranxeira ou Segunda lingua e en Economía Circular (este último xa fóra aprobado o pasado curso, pero non chegou a poñerse en marcha, polo que se aproba de novo).

Por outra parte, inician o proceso de revogación os másteres universitarios en Discapacidade e Dependencia e en Informática Industrial e Robótica da UDC, en Atención Sanitaria, Xestión e Coidados e en Matemáticas da USC e en Industria 4.0 da UVigo.

Taxas universitarias gratuítas
O Consello Galego de Universidades tamén deu o visto e prace á acción da Xunta para seguir a aplicar a gratuidade da matrícula universitaria para os alumnos de grao a partir de setembro. Consolídase así unha medida pioneira da Xunta de apoio ás familias galegas para os estudos universitarios dos seus fillos, con matrícula de balde para todos os que se matriculan por primeira vez, así como para o resto dos cursos en función da porcentaxe de aprobados.

Por último tamén se validou a conxelación das taxas de grao e máster por décimo quinto ano consecutivo en 11,89€/crédito para quen non cumpran cos requisitos da bonificación.

Deja un comentario