Friday 13 de June de 2025

Ribeira presenta “Camiño Mudo”: unha experiencia única nas praias do municipio


A Concellería de Turismo de Ribeira presenta “Camiño Mudo”, unha innovadora actividade turística e cultural que combina cinema, natureza e arte, en liña coa estratexia turística da Concellería orientada a promover valores como o respecto ao medio ambiente, a posta en valor do territorio e o desenvolvemento local equilibrado.

Á convocatoria asistiron o concelleiro de Turismo, Francisco Suárez-Puerta e o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes.

A proposta combina o atractivo natural das praias coa maxia do cinema, ampliando a oferta turística existente e diversificando o perfil do público visitante.

A primeira proxección será o 28 de xuño a na illa de Sálvora, a partir das 21:30 horas na praia do Almacén. Nesta ocasión, proxectarase a película “O neno” de Charles Chaplin. Debido ás limitacións do transporte, hai dispoñibles un total de 46 prazas e a idade mínima para participar nesta proxección en Sálvora é a partir dos 18 anos. O resto de proxeccións non teñen límite de idade.

As seguintes datas e proxeccións serán o 5 de xullo na praia dos Mosqueiros; Nosferatu do director Friedrich Wilhelm Murnau, o 26 de xullo na praia da Ladeira; Metrópolis de Fritz Lang, 30 de agosto praia Area Basta; Sherlock Jr. de Buster Keaton, o 6 de setembro na praia de Supinal; O home mosca de Fred C. Newmeyer, as proxeccións rematarán o 20 de setembro na praia Area Secada co clásico Acorazado Potemkin de Serguéi Eisenstein.
O concelleiro de Mar resaltou “que vai a ser unha experiencia única o de ver cine mudo escoitando o son do mar como banda sonora nas nosas fermosas praias”.

Suarez-Puerta indicou que as películas están libres de dereitos de autor “xa teñen todas máis de cen anos”.
“Camiño Mudo” representa unha aposta por unha oferta innovadora de turismo cultural que respecta e realza o patrimonio natural de Ribeira, poñendo en valor o seu litoral como escenario de experiencias únicas e sostibles. A Concellería de Turismo de Ribeira convida á veciñanza e visitantes a participar nesta iniciativa que combina cultura, natureza e comunidade, enriquecendo a oferta turística do municipio e promovendo un turismo responsable e respectuoso coa contorna.

Inscricións: OMIT (Oficina Municipal de Turismo de Ribeira situada no Malecón de Ribeira), no 981 87 30 07, e tamén no correo turismo@ribeira.gal ou polas redes sociais de turismo.

Deja un comentario