Friday 13 de June de 2025

Ribeira ingresará 162.000 euros pola poxa publica de prazas de garaxe e rochos


O pasado mes de xaneiro o Concello de Ribeira sacou a poxa pública 12 prazas de garaxe e 14 rochos adxudicados ao Concello en pago de débedas en período executivo, o proceso de alleamento estivo precedido dun prazo para a presentación das ofertas para que calquera persoa puidera optar a estes inmobles.

O Concello puxo a disposición, documentación complementaria a dispor das persoas interesadas nun dossier descritivo das características físicas e xurídicas dos bens. A localización de nove prazas de garaxe figuraban na rúa Xohana Torres e as tres restantes na rúa Alcalde Fernández Bermúdez. En canto aos rochos, sete estaban nun edificio da rúa Xohana Torres e os sete restantes na rúa Cristóbal Colón.

Cómpre indicar que para evitar a especulación cos bens, o Concello regulou a poxa para que cada persoa non puidese optar a máis de dous bens. Rematado xa o prazo de presentación, están a piques de adxudicarse a totalidade dos bens por un valor de 162.000 euros.
Segundo o alcalde, Luís Pérez, a venda total das prazas de garaxe e dos rochos que estaban sen uso, suporá un ingreso para as arcas municipais de 162.000 euros. Pérez Barral declarou que “esta iniciativa xurdiu tras analizar que estes bens non estaban sendo usados polo Concello de Ribeira polo que decidimos sacalos para que a poboación poida empregalos”. Dende o Concello din que eses cartos serán destinados a demandas da veciñanza como pode ser a dotación dun novo parque infantil na praza do Centenario.

Segundo o rexedor isto permite ao Concello “optimizar os seus recursos e ofrecer á cidadanía a oportunidade de adquirir prazas de garaxe ou rochos a prezos competitivos.

Deja un comentario