Friday 22 de November de 2024

Feijóo avanza que a Xunta, PSA Peugeot-Citroën e Ceaga porán en marcha unha aceleradora de innovación no sector da automoción, pioneira en España e con vocación internacional


Precisa que o obxectivo é impulsar a incorporación de empresas innovadoras á industria do motor para canalizar proxectos de I+D+i que poidan xurdir desas mesmas empresas ou dos Centros Tecnolóxicos e Universidades
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, durante a clausura da asemblea do Clúster de Empresas da Automoción de Galicia 2016, que a Xunta, PSA Peugeot-Citroën e Ceaga porán en marcha unha aceleradora de innovación no sector da automoción. “Imos continuar coa estreita colaboración que tanto este sector, a través de Ceaga, como a Xunta vimos mantendo estes anos, traballando man a man”, aseverou.

Durante o acto, Feijóo referiuse así ao Programa Business Factory Auto, unha aceleradora de innovación pioneira en España, centrada exclusivamente no sector da automoción e que nace co fin de impulsar a incorporación de empresas innovadoras á industria do motor para canalizar proxectos de I+D+i que poidan xurdir desas mesmas empresas ou dos Centros Tecnolóxicos e Universidades.

Así mesmo, precisou que, xunto a Citröen, Ceaga, Zona Franca e Xunta, o proxecto contará tamén coa participación de Centros Tecnolóxicos como Gradiant, Aimen, o Clúster TIC e, en maior medida, o CTAG.

O presidente da Xunta subliñou que esta iniciativa nace cunha achega conxunta de 4 millóns de euros para a súa primeira edición, co obxectivo de captar un total de 10 proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento. E constará de catro fases: a fase de convocatoria, para captar proxectos; a de selección, na que se estudarán as candidaturas e se seleccionarán os proxectos; a de aceleración, durante a que se aportarán todos os recursos precisos para acelerar cada proxecto, e a fase de consolidación, á que accederán os proxectos que sexan seleccionados en función da súa evolución e perspectiva.

Vocación internacional
Logo de subliñar que Business Factory Auto nace con vocación internacional, co fin de atraer a Galicia proxectos do Polo Ibérico que impulsen a automoción galega, Feijóo aseverou que este programa, cuxa sede estará en Balaídos, está dirixido a empresas de recente creación e impulsará a creación dun ecosistema de innovación aberta no sector apoiado por todos os axentes do sistema. Non en van, contará cun laboratorio de fabricación 4.0 “e será a primeira aceleradora de emprendemento innovador que se pon en marcha en España no ámbito da automoción”, insistiu.

“Estamos a falar dunha iniciativa que está incluída na Axenda da Competitividade de Galicia Industria 4.0 e Ceaga tamén a inclúe no seu III Plan de Competitividade”, dixo, logo de incidir en que a industria da automoción está sendo en Galicia o mellor expoñente do que se denomina a fábrica do futuro, a fábrica intelixente ou Industria 4.0, que busca optimizar a través da tecnoloxía todos os procesos produtivos, loxísticos, comerciais e de xestión.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta lembrou que, grazas a esta forma de entender a industria do futuro, PSA Vigo pode presumir actualmente de lograr a adxudicación do proxecto K-9; “un novo modelo que se construirá en Galicia e no que a industria galega de compoñentes debe ter un papel protagonista como provedora nas distintas fases de produción do vehículo”. “E, agora, co proxecto de transformación de Balaídos cara á fábrica intelixente, Citroën abriu as portas á consecución dun novo modelo para Vigo, polo que xa empezou a competir”, engadiu, afirmando que “o Goberno galego vai dedicar tempo, recursos e prudencia na final do concurso”.

Apoio ao sector
Feijóo concluíu facendo fincapé en que o propio plan estratéxico que preparou Ceaga para o conxunto do sector busca profundar na implantación da industria 4.0 “e para a súa posta en marcha —garantiu— seguirá contando co apoio da Xunta que, ata o momento, destinou ao clúster da automoción seis millóns de euros en axudas e ao sector 100 millóns de euros que mobilizaron 650 millóns”.

Sobre este punto, precisou que entre os principais retos que se formula este plan cara ao horizonte do 2025 figuran: aumentar a capacidade do sector galego da automoción para adaptarse aos cambios rupturistas que se produzan na industria a nivel mundial, alcanzar un maior tamaño das empresas de compoñentes, dotar de maior valor engadido aos produtos, achegar ao capital humano as competencias necesarias para que sexan capaces de afrontar cambios tecnolóxicos e de modelo de negocio, lograr empresas competitivas, buscar sinerxías para reducir custos e mellorar a eficiencia enerxética.

O responsable autonómico garantiu que o Goberno galego seguirá traballando conxuntamente co sector da automoción, “porque seguir investindo neste sector é multiplicar o investimento, consolidar o emprego, mellorar a nosa competitividade, incrementar as nosas exportacións e aumentar o PIB”.