Friday 13 de June de 2025

O Concello de San Sadurniño apoia o XXX Festival do Río Castro cunha achega de 6.500 euros


A entidade tamén ten botada solicitude para as axudas de festivais musicais convocadas pola Deputación da Coruña, que seguramente se resolvan nestes días

O Concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela Mecías, e o presidente da AVV O Castelo de Narahío, David Dopico Romero, asinaron este mércores o convenio de colaboración entre o Concello e a entidade veciñal para o desenvolvemento da 30ª edición do Festival do Río Castro, que terá lugar na Bóla -ao pé da ponte medieval- o sábado 5 de xullo. O acordo recolle a concesión por parte do Concello dunha subvención nominativa de 6.500 euros cos que se cubrirá unha parte dos custes do evento, que este ano contará cun orzamento de arredor de 22.000 euros.

Tal e como se destaca no documento asinado onte, o Festival do Río Castro é unha cita cultural “con características únicas” na comarca que ten como un dos seus obxectivos “dar a coñecer tanto a música tradicional como as bandas que propopen cousas novas mantendo o espírito de raíz”.

De cara a conseguir esa finalidade, O Castelo de Narahío levou a cabo o pasado 31 de maio o evento de presentación do programa previsto para o primeiro sábado de xullo, que arrancará na sesión vermú con Sérralhe Aí! -Roberto Grandal, Manolo Maseda e amizades- e continuará na sobremesa cos xogos e enredos tradicionais con SEDEGA, a actuación de Peter Punk Pallaso e a competición de deporte rural. Pola noite tocarán Vai Rañala Meu! -quen fará un percorrido polas trinta edicións do festival-, o grupo compostelán Ailá e, pechando a noite, a Orquestra Bravú Xangai.

O Castelo de Narahío orzamentou a presentación -na que actuaron Os Cantaberneiros con colaboración municipal a través da Rede Cultural- e o propio festival en preto de 22.000 euros, sufragados pola entidade con recursos propios, e cos 6.500 da subvención nominativa do Concello de San Sadurniño. Ademais, a entidade tamén ten botada solicitude para a liña de axudas a festivais musicais que convoca anualmente a Deputación da Coruña, pendente de resolución.

Segundo as condicións recollidas no acordo asinado onte, que se circunscribe á 30ª edición do festival, a cambio da achega municipal O Castelo de Narahío corre con todos os aspectos organizativos -contratación dos grupos, produción, loxística, publicidade, etc.-, cuxos gastos deberá acreditar coas correspondentes facturas e documentos de pagamento. Outros compromisos son a utilización do galego en toda a comunicación, reflectir na publicidade o financiamento municipal e o apoio ao Xeoparque do Cabo Ortegal e colaborar co Concello en materia de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero.

Ademais, este ano o Festival do Río Castro tamén subscribiu unha carta de colaboración mutua co Chanfaina lab e co Festival Irmandiño de Moeche. Unha colaboración que non implica custes económicos, senón máis ben o compromiso na difusión e, de ser preciso, na loxística organizativa das actividades que se desenvolvan.

O pagamento dos 6.500 euros de axuda farase efectivo en dúas veces: o 75% do importe (4.875 €) xusto trala sinatura do convenio e o 25% restante (1.625 €) despois de presentar a documentación xustificativa, como son as copias das facturas e resgardos do seu pagamento, o expediente de resume sobre o efectivo desenvolvemento da actividade ou a certificación das achegas obtidas para o festival, que en ningún caso -nin individualmente nin en conxunto- poderán sobrepasar o seu custe.

O primeiro tenente de alcalde e responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela, apuntou que a fórmula da subvención nominativa “simplifica a colaboración entre o Concello e O Castelo para a organización dun dos principais eventos culturais do noso municipio, que este ano fai trinta edicións apostando pola música, a cultura e o ambiente”.

O edil reiterou que a contía dedicada ao evento “móvese na mesma cifra que percibía O Castelo nas convocatorias de subvencións para cultura e deportes, que ía case na súa totalidade para cubrir os gastos do festival”. Varela Mecías precisou, ademais, que a sinatura do convenio “impide, de acordo coa normativa municipal, que a asociación concorra á convocatoria anual de axudas para entidades, de maneira que haberá máis fondos dispoñibles para distribuír entre elas“.

Toda a información sobre o XXX Festival do Río Castro pode consultarse nas redes sociais da Asociación Veciñal O Castelo de Narahío ou na web www.festivaldoriocastro.gal.

Deja un comentario