
Baixo o lema ‘Pode saír caro’ repartiranse 10.000 portabolsas e 5.000 botellas para facilitar que as persoas propietarias de cans non ensucien as rúas
O Goberno de Inés Rey está decidido a loitar contra a presenza de excrementos de cans nas rúas da Coruña con dúas armas complementarias: a concienciación cidadá e a aplicación rigorosa das sancións que figuran na Ordenanza de Protección e Tenencia de Animais.
“Na cidade temos 32.000 cans e non todos os seus propietarios cumplen coas obrigacións recollidas na ordenanza con respecto ás deposicións dos cans”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira. “Unha minoría non as recolle nin as deposita nos contedores de orgánico, que é a forma correcta de facelo, e un número aínda maior non utiliza a botella de auga que hai que levar para diluír as miccións”, agregou Neira, quen lembrou que a ordenanza se modificou precisamente para incluír esta última obrigación. Con Neira presentou tamén a campaña a concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz.
A partir do luns 16 e baixo o lema ‘Pode saír caro’ o Concello pon en marcha unha campaña informativa na que advirte de que as sancións por non recoller as deposicións dos cans poden ser de 500 euros e ir aumentando ata os 30.000 se o infractor é reincidente.
“Desde o Goberno de Inés Rey queremos trasladar precisamente o custe de non cumprir a ordenanza: supón un esforzo de limpeza por parte do Concello, que calculamos en 360.000 euros ao ano; é daniño medioambientalmente porque os excrementos dos cans supoñen un risco de salubridade e provoca conflitos de convivencia cidadá. Por todas esas razóns, debe custarlle caro aos infractores”, sinalou Neira.
Pola súa banda, a concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, lembrou que aínda que “a campaña faise para concienciar, o Concello está disposto a aplicar as sancións na súa franxa máis alta”.
“Imos estar moi vixiantes e haberá unha acción coordinada entre a Policía Local e os inspectores de Medio Ambiente, que percorrerán as zonas nas que detectamos máis incumprimentos e poderán chamar aos axentes para identificar os infractores”, destacou Paz.
A campaña comezará o vindeiro luns 16 de xuño coa repartición de 10.000 dispensadores de bolsas e 5.000 botellas. Tamén se repartirán folletos informativos e haberá mensaxes nos medios de comunicación e redes sociais.
As reparticións realizaranse en dúas franxas horarias, que son as máis habituais para o paseo das mascotas: de 8:00 a 11.00 horas e de 19:00 a 22:00 horas.
Puntos de repartición:
Barrios
● Xardíns de Méndez Núñez
● Rúa Barcelona e arredores
● Praza de Pontevedra
● Barrio das Flores (zona rúa Violetas xunto a área canina)
● Os Rosais (Praza Elíptica)
● A Gaiteira
● Catro Camiños
● Paseo marítimo (Coraza)
● Palavea (contorna Alcampo)
● Castrillón (zona centro cívico)
● Praza de España
● Parque de Vioño
● Sagrada Familia (Praza San Rosendo)
● Parque de Oza
● Matogrande (zona Eroski)
● Praza de San Cristóbal
Áreas caninas e zonas de esparexemento
● Parque de Eirís
● Parque Europa
● Parque de Santa Margarita
● Parque de Bens
● Novo Mesoiro
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.