
A bailarina deportiva Emma Domínguez e o triatleta Javier Campos son distinguidos como mellores promesas
Tras catro anos, o título cambia de mans. O bboy David Amor foi proclamado esta tarde “mellor deportista de Neda” durante a XXIII Gala do deporte Concello de Neda, na que Emma Domínguez e Javier Campos acadaron as distincións como mellores promesas. Os galardóns dábanse a coñecer no transcurso da cerimonia, celebrada na Casa da Cultura, que contou como padriño con Juanito, histórico dianteiro do Deportivo, do Real Betis ou do Racing de Ferrol, afincado no municipio.
Como cada ano, o Concello puxo en valor nesta cita, tal e como subliñou o alcalde, Ángel Alvariño, a constancia, o esforzo e a superación dos seus deportistas máis destacados, “un orgullo para Neda”, distinguindo a aqueles e aquelas que obtiveron mellores resultados durante a tempada 2023-2024. E o foco, desta volta, apuntou con claridade ao único deportista de alto nivel en break dance do municipio.
Recén chegado de Eslovenia, onde participou no World kidz Breaking Champion, David Amor Vizoso tomaba o testemuño como “mellor deportista de Neda” da xogadora de fútbol sala Ale de Paz. A pesar da súa xuventude, este deportista do club Urban Galicia conta xa cunha carreira inzada de éxitos.
Bboy Amor converteuse no 2023 no campión de España de breaking sub- 21. Foi campión absoluto da Liga Galega no 2024, e nese mesmo ano participou na cidade de Wuxi, en China, na primeira edición do Campionato do Mundo Youth, quedando no top 55 a nivel mundial, no 15 a nivel europeo, e no 1 de España.
Mellores promesas
Os títulos de mellor promesa (deportistas menores de idade) recaeron en Emma Domínguez Puentes, do CBD Un Paso Adelante, campioa galega e subcampioa de España de baile deportivo na especialidade de danza coreográfica no 2023 e no 2024. Esta bailarina, que compite co grupo Sweet UPA a nivel internacional, xa fora promesa nas últimas dúas galas. Pola súa banda o triatleta Javier Campos Pacio, do AD Náutico Narón, estréase como promesa masculina. Este mozo, que acumula bos resultados nos distintos campionatos galegos, convertíase en subcampión de España de Relevo mixto no 2024.
Resto de galardoados
Ademais de David Amor, Emma Domínguez e Javier Campos, resultaron tamén galardoados polos seus méritos deportivos: en natación, Arantza Rivas Tenreiro, Tania López Sanmartín (ambas en categoría máster) e Nerea López Sanmartín (absoluta); en tenis, Claudia Freire Mouriz; en triatlón, Eloy B. Villanueva Rico; en karate, Luca Rey Lourido; en atletismo, Jonathan Fernández Ríos (máster), Lucía Rivadulla Alonso (absoluta), Adrián Rivadulla Alonso (sub-20) e Sergio González Gandoy (sub-14); en sincronizada, Noa Pico Pérez; en automobilismo, Daniel Castro Rodríguez e Miguel Peña Vázquez (absoluta), e Bruno Castro Galdo (promesa); en fútbol, Samuel Romero Rodríguez, Nicolás Vilariño Sixto, Iago Rozados Uceira, Ismael Ríos Domínguez, Antonio Pena Rodríguez e Hugo Suena Freire; en fútbol sala, Ale de Paz, Aitana Milán Rozados e Ángel Souto De Carvalho; en baloncesto, Jorge Formoso Castro; en baile deportivo; Aldara Rodríguez López.
Ademais houbo mencións especiais para as seis xogadoras da SD. Rápido de Neda, para a SD. Roxal pola súa promoción do deporte, para A Canteira do Puntal, pola súa promoción da actividade física, benestar e saúde; e para a Agrupación de voluntarios de Protección Civil de Neda, pola súa axuda na celebración de eventos deportivos.
O alcalde, Ángel Alvariño, e a concelleira de Deportes, Ángeles Puentes, felicitaban ao conxunto de deportistas galardoados, animándoos a seguir traballando. Ademais, agradecían o apoio de Juanito que, con máis de trinta anos de traxectoria no fútbol profesional, un bo espello no que mirarse.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.