Friday 13 de June de 2025

Muxía aposta por un verán cheo de deporte, natureza e tradición para todas as idades


•O Concello presenta unha programación estival diversa con apertura histórica do ximnasio municipal, xogos tradicionais, cursos de aventura e actividades acuáticas

O Concello de Muxía vén de presentar a súa programación deportiva para o verán 2025, cunha ampla variedade de
propostas dirixidas á infancia, adolescencia e público xeral. Esta edición chega marcada por importantes novidades que dan resposta ás demandas da cidadanía e consolidan a aposta do goberno local por un lecer activo, saudable e inclusivo.

Apertura histórica do ximnasio municipal en horario de tarde

Unha das grandes novidades deste ano é a apertura do ximnasio municipal polas tardes durante todo o mes de agosto, por primeira vez na súa historia. O centro abrirá de luns a venres de 9:00 a 13:00 h e tamén de luns a xoves de 19:00 a 22:00 h, ampliando así as opcións para manter a rutina deportiva mesmo durante o período vacacional.

Nova actividade: xogos tradicionais no Cabo da Vila

Tamén se incorpora como novidade a actividade de xogos tradicionais galegos, que terá lugar nas mañás no emblemático espazo do Cabo da Vila (de 10:00 a 13:00 h). Cunha inscrición totalmente gratuíta, esta proposta busca poñer en valor o patrimonio lúdico galego e fomentar a participación familiar e interxeracional nun entorno natural.

Volta o curso de deportes de aventura en Manzaneda

Tras varios anos sen celebrarse, regresa o curso de deportes de aventura con pernocta en Manzaneda, unha actividade moi agardada polas familias. Dirixida a nenas e nenos empadroados en Muxía de entre 8 e 12 anos, ofrece unha experiencia única en contacto coa natureza, combinando actividades como escalada, sendeirismo ou tirolina. As prazas son limitadas e a cota de participación será de 10 €. Nota de Prensa

Outras actividades destacadas
A programación deportiva de verán inclúe ademais:
• Saídas ao Acuapark de Cerceda (1 e 3 de xullo), con grupos organizados por franxa de idade.
• Campus Multideportivo e Medioambiental, para crianzas nadas entre 2013 e 2018.
• Curso de surf na praia de Nemiña, para maiores de 8 anos.
• Curso de natación en augas abertas na praia da Cruz, para nenas/os nados entre 2015 e 2020.
• Curso de aventura en Galipark (Padrón) sen pernocta, dirixido a adolescentes de 13 a 17 anos.
• Carreira pedestre, con inscrición aberta en www.championchipnorte.com.

As inscricións formalízanse no ximnasio municipal, con prazos e prazas limitadas segundo cada actividade.

Con esta programación, o Concello de Muxía reafirma o seu compromiso cun verán diverso, activo e accesible para todas as idades, onde o deporte, a natureza, a tradición e a diversión van da man.

Deja un comentario