Friday 22 de November de 2024

A Escola de Turismo Itinerante desenvolverá este ano un programa de profesionalización no Camiño de Santiago


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou esta mañá este programa de formación Centro Superior de Hostalería de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou esta mañá o Programa de Formación no Camiño de Santiago da Escola de Turismo Itinerante do Centro Superior de Hostalería de Galicia.

O acto contou tamén coa participación da directora do Centro, Marta Fernández, do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e do director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luis Maestro.

Durante a presentación, a directora de Turismo de Galicia destacou que formación é un piar fundamental no desenvolvemento dun sector tan variable como o turístico, que cada día se actualiza e redimensiona.

Nava Castro afirmou que desde Turismo de Galicia apóstase por un tecido empresarial formado por empresas e profesionais turísticos competitivos e para elo impúlsanse numerosas iniciativas a prol da formación e o asesoramento.

Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta resaltou a posta en marcha da Escola de Turismo itinerante que, segundo sinalou, está a fomentar a accesibilidade á formación a todas as empresas ofrecendo unha formación a medida adaptada á realidade de cada negocio e o seu entorno.

A directora de Turismo de Galicia explicou que, no marco desta escola de formación itinerante, este ano desenvolverase un programa específico para os establecementos do Camiños de Santiago. “Este programa ten por obxectivo mellorar o nivel de profesionalización do sector a través de cursos e xornadas enfocados á atención ao peregrino e a súa experiencia en Galicia”, sinalou.

Nava Castro asegurou que o programa repercutirá directamente na imaxe do sector e na calidade do destino Galicia.

Programa de formación
O programa inclúe un total de 25 xornadas de formación da Escola de Turismo Itinerante no Camiño Francés e no Camiño Fisterra- Muxía que terán lugar en Sarria, Melide, Santiago e Fisterra e dous programas “Anfitrións de Turismo: Cultura do Detalle” no Camiño Primitivo e no Camiño do Norte.

Nas xornadas traballarase cos albergues públicos e privados e aloxamentos do Camiño, así como a restaurantes na atención, información e servizo ao peregrino, na xestión do departamento de recepción, nas novas tecnoloxías así como, na posta en valor do Menú do Peregrino no Camiño.

O obxectivo é mellorar o servizo e a calidade na acollida aos peregrinos nos aloxamentos turísticos, incrementar o posicionamento na rede e dar a coñecer a plataforma Smart Camiño e fomentar o produto autóctono.

Pola súa parte, os programas ‘Anfitrións de Turismo: Cultura do Detalle’ estarán destinados a persoal en contacto co cliente do Camiño do Norte e a propietarios e mandos intermedios do Camiño Primitivo.

Xornada de Innovación e Comercialización
A presentación deste programa de formación no Camiño de Santiago estivo enmarcada na xornada de Innovación e Comercialización ‘Boas prácticas na Hostalería’ organizada pola Escola de Turismo Itinerante (ETI) do Centro Superior de Hostelería de Galicia como punto final do plan de formación para empresas hostaleiras que xestionou ao longo do 2015 en xeodestinos como a Ribeira Sacra, Costa da Morte, Arousa Norte, Muros-Noia ou a Mariña Lucense.

Así mesmo, nesta mesma xornada entregáronse aos hostaleiros os diplomas dos cursos de Marketing, Recursos Humanos, Comercialización, Xestión de Alimentos e Bebidas, Atención ao Cliente e Atención ao Cliente con discapacidade que os profesores do CSHG impartiron en diferentes localidades dentro do plan de formación da ETI.