Friday 13 de June de 2025

O concello, en colaboración co Galp Costa da Morte, organiza un obradoiro de redeiras


Vai dirixido a maiores de 16 anos de idade e a inscrición xa está aberta.

O Concello retoma as actividades do proxecto O mar de Caión: Un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro, iniciativa que busca favorecer o desenvolvemento local, potenciar o turismo e poñer en valor o patrimonio ambiental e cultural do noso litoral.

No marco deste programa o venres 27 de xuño a partir das 18:00 h realizarase no Centro Sociocomunitario de Caión un novo obradoiro de redeiras no que os asistentes poderán ampliar os seus coñecementos sobre as artes de pesca e este senlleiro oficio que loita por dignificarse e que non caia no esquecemento.

No ano pasado xa se realizara outra iniciativa similar, pero destinada ao público infantil. Desta volta diríxese a adultos a partir dos 16 anos de idade.

O obradoiro, cunha duración estimada de hora e media, será impartido pola Federación Galega de Redeiras “O Peirao”, ofrecendo unha oportunidade única para coñecer de preto un oficio tradicional vinculado á cultura mariñeira galega. As redeiras mostrarán as súas técnicas e as persoas asistentes poderán aprender a tecer redes e comprender a importancia deste labor na conservación do patrimonio mariñeiro.
Para poder participar requírese inscrición previa, que é gratuíta, chamando ao teléfono 981604328 ou enviando un correo electrónico cos datos persoais a turismo@alaracha.gal.

A actividade forma parte dunha serie de obradoiros que se realizan ao longo deste ano e que buscan implicar activamente á cidadanía na aprendizaxe sobre o medio mariño e costeiro, fomentando a súa conservación a través do coñecemento e o contacto directo coas prácticas tradicionais.

O obradoiro de redeiras está incluído dentro do proxecto O mar de Caión: Un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro, que conta cun orzamento total de 77.000 euros e está financiado pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do GALP da Costa da Morte, cofinanciado pola Unión Europea no marco do Fondo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027.

Deja un comentario