
— O conselleiro lamenta no Parlamento que o Goberno central non impulse un Plan estatal de mellora das infraestruturas educativas
— Sinala que a Xunta inviste máis de 5,5M€ en obras de mellora nos centros de Betanzos e ten en marcha a segunda fase de rehabilitación do Vales Vilamarín
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades, Román Rodríguez, defendeu hoxe no Parlamento galego que se reduza o IVE das obras en centros educativos ao 10%. Fíxoo durante a resposta a unha pregunta na que recordou que o Goberno central non achega recursos para colaborar na mellora e actualización dos centros educativos, malia que a Xunta o demandou en numerosas ocasións.
Precisamente, o titular de Educación fixo referencia a unha iniciativa rexistrada na Cámara galega para pedir ao Goberno central que modifique a normativa fiscal vixente para que as obras de construción, reforma ou rehabilitación de centros educativos públicos tributen a un tipo reducido do 10% de IVE, ao tratarse de actuacións vencelladas á prestación dun servizo esencial e básico como é a educación. O obxectivo, como sinalou Román Rodríguez, é que se poidan facer máis actuacións deste tipo, confiando en que se debata esta iniciativa e se poida chegar a acordo.
Neste sentido, o conselleiro lamentou que o PSdeG votase en contra dun Plan nacional de mellora de infraestruturas educativas hai uns meses no propio Parlamento, o que fai que a Xunta teña que acometer en solitario a renovación das instalacións educativas a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica, ao abeiro do que xa se desenvolveron unhas 2.700 obras e cuxo investimento se vén de elevar ata os 500M€.
No marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica e como indicou Román Rodríguez hoxe, a Xunta investiu nos últimos anos máis de 5,5M€ na mellora dos centros educativos de Betanzos. Neste sentido, destacou que está xa adxudicada a segunda fase da rehabilitación integral do Colexio CEIP Francisco Vales Villamarín, un dos centros máis grandes de Galicia, cun orzamento de preto de 900.000€.
Esta nova actuación servirá para mellorar a eficiencia enerxética do centro, coa aplicación de sistema de illamento térmico SATE nas fachadas, a renovación de 145 fiestras e persianas, a instalación de falsos teitos e a substitución de 177 luminarias por uns modelos máis eficientes. Ademais, reorganizarase o comedor e reubicarase a biblioteca.
Neste centro tamén se construíu un novo aulario de Infantil (2,3M€), acometeuse a primeira fase da rehabilitación integral (430.000€) e instalouse unha sobrecuberta no pavillón (50.000€), entre outras.
Actuacións nos institutos As Mariñas e Francisco Aguiar
No que atinxe aos instituto IES As Mariñas e IES Francisco Aguiar, investíronse máis de 1M€. No caso concreto do Francisco Aguiar, executáronse diferentes melloras por importe de máis de 500.000€ nos últimos anos, como a sobrecuberta do pavillón deportivo, a cubrición das escaleiras do edificio anexo e o cambio de boa parte da carpintería exterior.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.