O Concello de Frades ten programadas dúas actividades de conciliación familiar para as vacacións escolares da Semana Santa que consisten nunha saída a Coruña, con visita guiada ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía de España (MUNCYT) e sesión de cinema, e un espectáculo de maxia e monicreques. En ambos casos é preciso inscribirse no Concello de Frades ou nos teléfonos 981 695 567 e 981 695 663.
A visita a Coruña terá lugar o martes 22 de marzo, con saída de Frades ás 10:00 horas. O prezo da iniciativa é de 5 euros (empadroados) e 10 euros (non empadroados). Durante a mañá a expedición fará unha visita guiada ao MUNCYT, onde participarán nun obradoiro formativo. Pola tarde gozarán dunha película de cine no Centro Comercial Marineda City. Os menores de 12 anos deberán ir acompañados dun adulto, mentres que os rapaces entre 12 e 18 anos deberán presentar unha autorización asinada polos seus pais.
Para o mércores 23 de marzo, ás 17:00 horas, o Multiúsos de Frades acollerá unha actuación gratuíta da compañía Mundo Mandarina, “Laboratorio máxico”, un espectáculo que mestura maxia, clown e monicreques. A continuación haberá xogos e unha merenda con chocolate. A participación é totalmente de balde, se ben é preciso anotarse no Concello antes do 21 de marzo.