Friday 13 de June de 2025

Investimento de 73.000 euros para instalar un ascensor na casa consistorial


· Para financiar esta actuación o Concello recibiu unha subvención da Xunta por valor de 40.000 euros.

· A instalación dun ascensor era unha demanda urxente do Concello para facer máis accesible o edificio.

· Tamén se renovarán as oficinas de ventanilla e os aseos.

O Concello de Camariñas investirá 73.438,77 euros nun proxecto para instalar un ascensor na casa consistorial, unha actuación para a que recibiu unha axuda de 40.000 euros por parte da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia. A parte restante, 33.438,77 euros, será asumida con fondos propios.

Este proxecto é clave para garantir a accesibilidade universal e mellorar a atención á cidadanía. Con esta intervención, o goberno local dá un paso importante cara á eliminación de barreiras arquitectónicas, facilitando o acceso de persoas con mobilidade reducida, persoas maiores, familias con carriños e calquera veciña ou veciño que o precise.

A instalación do ascensor responde a unha antiga demanda do Concello e ao seu compromiso coa inclusión e co cumprimento da normativa vixente en materia de accesibilidade. Ademais, permitirá ofrecer un servizo público máis igualitario e cómodo para todas as persoas, con independencia das súas capacidades físicas.

O ascensor integrarase de maneira respectuosa na arquitectura do edificio e contará coa tecnoloxía necesaria para garantir un uso seguro e eficiente. Ademais, aproveitando as obras, tamén se renovarán as oficinas de ventanilla e os aseos.

Deja un comentario