Friday 13 de June de 2025

A alcaldesa Goretti Sanmartín subliña a “urxencia” de que a xestión sustentable da auga se sitúe no centro das políticas públicas


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou este mércores no acto de inauguración das novas instalacións de Espina & Delfín, no polígono de Costa Vella. No seu discurso, a rexedora subliñou a importancia de avanzar cara a unha xestión máis sustentable dos recursos hídricos.”É urxente que o uso e a xestión sustentable deste elemento imprescindible para a vida se sitúe no centro das políticas públicas”, proclamou.

Durante a súa intervención, a alcaldesa repasou as políticas municipais encamiñadas a un consumo máis eficiente da auga: o plan de detección de fugas, a separación de pluviais ou as actuacións na rede pública. Tamén salientou os avances no tratamento de augas residuais, coa nova EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) que”comeza a ser unha realidade”. tras máis de dúas décadas de espera. “Esta infraestrutura permitirá dar servizo a unha poboación dobre da actual e asegurar o cumprimento dos estándares ambientais no trasvasamento entre as concas do Tambre e do Sar”, explicou.

A rexedora compostelá referiuse tamén á transformación do espazo urbano como parte do compromiso ambiental, valorando o cambio de modelo na planificación urbana cara a superficies máis permeables e resilientes. Neste sentido, defendeu que o Concello está “deseñando unha cidade que pensa tamén na auga como parte fundamental das condicións ambientais e de seguranza”.

A alcaldesa fixo fincapé na necesidade de manter e fortalecer as alianzas entre administracións, empresas e universidades: “Nada será posíbel sen colaboración, como no caso da EDAR, cómpre seguir chegando a acordos e contar co bo facer do sector privado e o coñecemento científico”, considerou.

Finalmente, puxo en valor o exemplo de Espina & Delfín como empresa referente na xestión da auga. “É unha empresa que, como a nosa cidade, se adapta e moderniza cos tempos. Como a auga que trata, mantense en movemento para responder aos retos presentes e futuros”, dixo.

Goretti Sanmartín destacou que “viivimos nun recuncho do mundo privilexiado no que a auga é un recurso abundante, pero non por iso infinito”. De feito, advertiu do consumo medio de 180 litros por persoa e día na cidade, moi por enriba das recomendacións da Organización Mundial da Saúde. Neste sentido, fixo un chamamento á responsabilidade colectiva, xa que, “estamos aínda a tempo de corrixir os excesos, pero cómpre avanzar na consciencia individual e colectiva sobre a necesidade de coidar este ben limitado”.

Deja un comentario