Saturday 14 de June de 2025

Inés Rey presenta os detalles dun investimento de 1,2 millóns de euros para potenciar a Torre de Hércules


O Concello e Turismo de Galicia selan un acordo polo cal o monumento recibirá 995.000 euros de fondos europeos aos que sumaranse 200.000 euros máis de aportación municipal

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, escenificou xunto a Xosé Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia, o acordo entre o Goberno municipal e o ente autonómico para potenciar a Torre de Hércules e a súa contorna cun investimento total que superará os 1,2 millóns de euros. Trátase dun convenio de colaboración para levar a cabo melloras deste Ben de Interese Cultural e Patrimonio Mundial que inclúe o financiamento conxunto de cinco actuacións. Ademais, o Concello asumirá un sexto proxecto neste espazo referente da cidade. Así, a Xunta aportará 995.000 euros procedentes de fondos Next Generation mentres o Concello sumará 200.000 euros máis de fondos propios.

“Estamos moi satisfeitos da cooperación entre estas dúas administracións para mellorar un patrimonio, non só da Coruña, senón de todos os galegos e galegas”, sinalou Inés Rey, que estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Tamén asistiu ao acto, celebrado aos pés da Torre de Hércules, a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo. As actuacións está previsto que comecen este ano e se completen ao longo do 2026. Trátase da segunda intervención con fondos Next Generation realizada pola Xunta en Galicia en monumentos Patrimonio da Humanidade, despois de facelo tamén na Muralla de Lugo.

“Levaremos a cabo unha mellora substancial da Torre de Hércules e da súa contorna; apostaremos pola posta en valor e a renovación do faro para facelo máis accesible e adaptado ao tempo actual”, sinalou Inés Rey. Investirase un total de 1.206.000 euros en seis actuacións de diversa índole que suporán a posta en valor tanto do interior do monumento como do seu exterior e do conxunto da contorna do faro. Desas seis actuacións, cinco están incluídas neste convenio de cooperación con Turismo de Galicia e a sexta estará financiada exclusivamente polo Concello.

Por unha banda, levarase a cabo unha mellora da accesibilidade e distintas actuacións de reparación no espazo da área arqueolóxica da Torre de Hércules. Será unha actuación integral que mellorará os elementos estruturais metálicos, eliminará as filtracións, illará o
conxunto para evitar os danos que causan as sales mariñas e mellorará a accesibilidade cunha nova rampla de acceso.

O segundo dos proxectos será a escavación e restauración do perímetro exterior da base da torre. Será a primeira escavación que se leve a cabo nesta zona desde 1992 e suporá unha mellora da conservación do material que forma parte das estruturas medievais e evitará así a degradación do xacemento. “O obxectivo é, polo tanto, rematar os traballos iniciados o século pasado e consolidar estas estruturas arqueolóxicas para que o xacemento sexa máis comprensible”, indicou a alcaldesa.

Por outra banda, restauraranse as salas Giannini, terraza superior e Edículo. Serán pequenas actuacións destinadas a mellorar estas estancias interiores do faro para, do mesmo xeito, mellorar a experiencia xeral das persoas visitantes. O cuarto dos proxectos que se levarán a cabo será a reforma da iluminación ornamental da Torre, co fin de actualizar estas instalacións e mellorar a eficiencia enerxética coas últimas tecnoloxías.

O quinto e último proxecto incluído no convenio suporá a restauración dos sendeiros do Espazo Natural de Interese Local da Torre de Hércules, na contorna do faro. “Esta contorna conta cun importante valor ecolóxico grazas á súa abundante biodiversidade, e grazas a esta actuación poderemos preservala á vez que adaptamos os camiños para seren máis accesibles”, sinalou Rey. Tamén destaca este espazo pola súa calidade paisaxística, xa que se trata da maior superficie non urbanizada da península da Coruña e un miradoiro natural
cara ao Atlántico e ás rías do Golfo Ártabro. Por tanto, faise necesario o acondicionamento do carreiro que circunvala a Torre de Hércules, facéndoo máis accesible, seguro e durable.

Ademais, definirase un percorrido accesible para persoas con mobilidade reducidaaproveitando o tramo continuo que parte da glorieta e chega ata a costa, seguindo a continuación cara á dereita para pasear xunto ao mar. Fóra deste convenio con Turismo de Galicia, desde o Concello licitarase este ano o proxecto de restauración de dúas das cámaras da torre, situadas na planta baixa. Son as únicas que tras a restauración de Eustaquio Giannini posúen porta de acceso desde o exterior. As portas actuais son de bronce, obra do artista galego Francisco Leiro.

Deja un comentario