Saturday 14 de June de 2025

A Banda Municipal inicia este xoves unha nova tempada de concertos na rúa cunha actuación aberta ao público no Acuartelamento de Atocha


A formación actuará por primeira vez xunto á Unidade de Música do Cuartel, nun evento gratuíto

O Concello por en marcha este xoves a nova tempada de concertos na rúa da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC), que comezará o ciclo de actuacións cun evento moi especial no Acuartelamento de Atocha, onde colaborarán coa Unidade de Música do Cuartel do Mando de Apoio á Manobra. “O Goberno de Inés Rey avanza no seu plan para visibilizar a tradición e traballo da BMMC entre a cidadanía, achegando a agrupación aos barrios da cidade e fomentando tamén a súa presenza a pé de rúa”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

Este xoves, a Banda interpretará, a partir das 20.00 horas e con entrada libre á cidadanía, a ‘Sinfonía Fantástica de Berlioz’, con composicións de Óscar Navarro, Hector Berlioz, Christiaan Janssen e Faustino del Río. Será a primeira vez que ambas formacións actúen conxuntamente.

A semana seguinte, tamén o xoves e ás 20.00 horas, a Banda Municipal actuará na Praza da Tolerancia, coa clausura do ciclo Vai a Banda, que tivo que aprazarse o Día da Ciencia na Rúa debido ás condicións meteorolóxicas. Trátase dunha actuación especial na que participará parte do alumnado que participou neste programa. A seguinte semana, o xoves 26 ás 20.00 horas, a Banda Municipal regresará ao Campo da Leña, un dos espazos ao aire libre máis visitados pola formación nos últimos anos.

O mes rematará coa participación da formación dirixida por Juan Miguel Romero Llopis no Foliagra, as festas do Agra do Orzán, o domingo 29 de xuño ás 12.00 horas no auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Todas as actuacións serán de balde.

Deja un comentario