
Esta iniciativa pioneira permitiralle á autora desenvolver un proxecto poético sobre desexo, natureza e maternidade durante o mes de agosto
O Concello da Coruña, acaba de resolver a convocatoria da súa primeira Residencia de Conciliación para Nais Escritoras (ou principais coidadoras). A autora seleccionada foi Francesca Cricelli, poeta, tradutora e investigadora italobrasileira, que residirá na cidade durante o mes de agosto para traballar no seu proxecto Interspecies Intimacies.
A proposta estrutúrase en dúas seccións: ‘Erótica Planetaria’, sobre a dimensión libidinal das relacións ecolóxicas, e ‘Maternidade Natural (Un bestiario irónico)’, unha exploración lírica da experiencia materna a través do prisma da etoloxía animal. O comité de valoración destacou a calidade literaria, o enfoque innovador e a integración explícita de perspectiva de xénero e ética dos coidados como elementos centrais da proposta.
A residencia inclúe estadía na Residencia Literaria 1863, gastos de desprazamento, manutención e un servizo municipal de conciliación para unha menor. A iniciativa ten como obxectivo facer compatible a creación literaria coas responsabilidades de coidado, facilitando espazos e tempos para o desenvolvemento creativo de nais escritoras ou principais coidadoras.
O proceso de avaliación contou coa participación de profesionais da Residencia Literaria 1863, do persoal técnico da Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación e dunha entidade literaria de referencia, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), garantindo así a diversidade de criterios e a transparencia na selección.
Francesca Cricelli (São Paulo, 1982) publicou varios libros de poesía en portugués e en edicións bilingües, con tradución ao italiano, castelán, inglés e islandés. Doutora en Literatura Moderna e Tradución pola Universidade de São Paulo, reside en Reykjavík e investiga na actualidade sobre representacións da maternidade na literatura contemporánea. Tamén é tradutora de autoras como Elena Ferrante, Igiaba Scego e Halldór Laxness.
Coa resolución desta convocatoria, o Goberno de Inés Rey e a Residencia Literaria 1863 consolidan este novo proxecto que nace dende o compromiso coa igualdade, a conciliación e a posta en valor da creación literaria como dereito e ferramenta de transformación social.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.