Saturday 14 de June de 2025

O Concello de Boqueixón pon en marcha a nova EDAR de Sergude, que depurará as augas residuais de Sergude e de Lestedo


As instalacións supuxeron un investimento de 1,8 millóns de euros e permiten dar servizo ata 3.000 habitantes

O Concello de Boqueixón vén de poñer en marcha as instalacións da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Sergude, inaugurada o pasado mes de febreiro tras un investimento de 1.810.427 euros. Unhas instalacións que permitirán optimizar o tratamento das augas residuais nas parroquias de Sergude e Lestedo, triplicando a capacidade de tratamento da anterior depuradora.

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro; o concelleiro de Obras, Manuel Fernández Munín, e o responsable municipal de Obras, Juan Corral, asistiron á posta en servizo destas novas instalacións, acompañados por persoal técnico das empresas Espina e Delfín, responsable da xestión do ciclo integral da auga no municipio, e Vázquez y Reino, firma encargada da construción da nova depuradora.

Ovidio Rodeiro indicou que “coa recente incorporación das augas residuais de Lestedo, as novas instalacións xa se atopan totalmente operativas e permitirán dar un salto de calidade na defensa do noso medio ambienta xa que se trata dunha depuradora moderna e eficiente, deseñada para acadar o mínimo vertido”. Por iso, a nova EDAR de Boqueixón conta con dúas liñas de depuración: unha para a auga e outra para os lodos.

Melloras na depuración

Así, a depuradora de Sergude conta cunha primeira estrutura de pretratamento da auga que permite separa en tres contedores diferentes os residuos sólidos, as graxas e as areas. Acto seguido, sitúase o tratamento biolóxico, cunha capacidade media de 44 metros cúbicos de auga por hora, se ben pode chegar a tratar picos de ata 81 metros cúbicos. Ademais, en caso de choivas torrenciais que puideran superar o caudal máximo de tratamento, a nova EDAR de Boqueixón conta cun depósito de retención ou tanque de tormentas ao que se podería enviar o exceso de auga.

O tratamento biolóxico estará conformado por un sistema de lodos activados por aireación prolongada de baixa carga, que contarán con dous axitadores para a produción de osíxeno. O seguinte proceso é o da decantación secundaria, integrado por dúas liñas onde os lodos sepáranse por gravidade a un pozo de bombeo para a súa posterior deshidratación e tratamento por un xestor autorizado.

Estas novas instalacións permiten triplicar a capacidade da depuradora de Lestedo, construída en 1991 e cunha capacidade de 1.000 habitantes, o que era insuficiente para tratar a totalidade das augas residuais procedentes desta parroquia. Pola contra, a nova EDAR de Sergude ten capacidade para dar servizo a unha poboación de ata 3.000 habitantes, o que lle permitirá tratar todas as augas residuais das parroquias de Sergude e Lestedo.

A nova depuradora supuxo un investimento de 1,8 millóns de euros, financiadas a través dun convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Boqueixón no que o Goberno Galego asumiu arredor do 80’% da inversión no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Pola súa banda, o Concello de Boqueixón achegou máis de 360.000 euros, puxo a disposición os terreos necesarios e asume agora o mantemento das instalacións.

Deja un comentario