Saturday 14 de June de 2025

Máis propostas para dentro duns días: San Xoán en Santa Mariña do Monte e San Paio en Ferreira


Pouco a pouco vannos chegando carteis e avisos de citas organizadas por comisións de festas e entidades veciñais, co obxectivo de que lles deamos difusión a través das nosas redes e dos medios comarcais. Esta mesma semana recibimos información ao respecto do San Xoán que van celebrar na noitiña do 23 de xuño ao pé do local social de Santa Mariña do Monte, e tamén da festa que inaugurará o día 28 o calendario patronal do verán: o San Paio… ou San Pelaio, como prefiren chamarlle ao seu santo en Ferreira de Abaixo. Por certo, ambas citas inclúen papatoria, así que hai que ir anotándose.

Empezamos pola máis próxima, que é o San Xoán organizado pola Asociación Cultural Recreativa e Deportiva Santa Mariña do Monte desde a tardiña do luns 23 de xuño. Ás 18:30h actuará o grupo de voces e pandeiretas As Caldupeiras, integrado por mozas e mozos de distintos puntos da comarca.

Ás 20:00h, aínda con día, no local social da Golpilleira comezará a cea a base de empanada, churrasco e chourizos asados, todo acompañado de pan e bebida, ademais da queimada posterior.

O prezo son 20€ para as persoas socias e 23€ para as que non pertenzan á entidade. Hai que apuntarse antes chamando ao teléfono 630 811 062 ou ao 607 619 310.

San Paio/Pelaio en Ferreira
Por outra banda, Ferreira de Abaixo estrea o calendario patronal do verán en San Sadurniño coa tradicional celebración do San Paio, que este ano toca o sábado 28 de xuño.

O programa empezará ás 13:30h coa misa, seguida da tradicional procesión do santo e a traca de foguetes previa ao inicio da función animada polo Grupo Master. A orquestra tocará arredor de tres cuartos de hora, con idea de que as persoas anotadas na comida poidan sentar xantar a iso das 15:00h no propio recinto da festa. O menú constará de paella, churrasco, sobremesa, café e bebidas, con opción de menú infantil dispoñible para a cativería.

Durante a tarde, a organización ten previsto instalar inchables e celebrar unha divertida festa da escuma. Xa pola noite, a verbena volverá ser cousa do Grupo Master, alternando actuacións ata ben entrada a madrugada co Dúo Maracuyá.

En canto aos prezos, a participación no xantar terá un custo de 30€ para persoas adultas, 12€ para nenos e nenas de entre 9 e 13 anos, e de balde para menores de 8. Tamén se ofrece a opción de cear unicamente por 10€. A cea incluirá pan, chourizo e liscos.

Para anotarse é necesario facelo antes do 24 de xuño, contactando cos teléfonos 669 287 134, 686 490 017 ou 619 481 173. Tamén se poden mercar os tíckets no Bar del Palacio -San Sadurniño- ou no bar da Chabola, en Ferreira de Arriba.

Deja un comentario