Saturday 14 de June de 2025

As melloras de accesibilidade previstas polo Concello nas paradas de autobús entran na súa recta final, con actuacións nos barrios de Monte Alto e Os Rosales


Das 16 intervencións cofinanciadas con fondos europeos Next Generation, xa se completaron a meirande parte delas, no Castrillón, Os Mallos, Labañou e Catro Camiños

O Concello afronta estas semanas a recta final do plan para mellorar a accesibilidade en 16 paradas do autobús urbano da cidade, unha iniciativa cofinanciada con fondos europeos Next Generation e que, tras as actuacións xa executadas nos barrios do Castrillón, Os Mallos, Labañou e Catro Camiños, avanza agora en Monte Alto e Os Rosales.

Unha das paradas nas que se está a traballar estes días é a da avenida de Navarra, a núm. 173, onde xa é visible o novo pavimento. Aproveitando a intervención e seguindo os estándares que se están a implantar nas novas paradas, dispuxéronse baldosas podotáctiles para facilitar a orientación das persoas invidentes.
“Días atrás reabrimos a parada xa remodelada de San Pedro de Mezonzo, estamos a ultimar os remates técnicos na da rúa Honduras, en Labañou, e en paralelo aos avances en Monte Alto, a nosa previsión é que xa esta mesma semana comecemos os traballos previstos na parada núm. 87 da rúa Manuel Azaña, nos Rosales”, detallou hoxe a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

Non será a única parada que se mellorará no barrio dos Rosales. Ademais da de Manuel Azaña tamén se adaptarán outras dúas na rúa Emilio González López.
“O Goberno de Inés Rey está moi comprometido con cuestións como a accesibilidade universal, e isto implica actuar en espazos onde a superficie peonil era escasa ou insuficiente. No caso das paradas de autobús, hai dársenas onde era preciso executar melloras para facilitar a subida e baixada das persoas usuarias, especialmente das que teñen mobilidade reducida. Tamén, por outra banda, para facilitar as manobras de achegamento dos autobuses”, razoou Díaz.

Mañá, novo encontro participativo sobre o futuro servizo de transporte urbano

A concelleira tamén lembrou este mércores que, en paralelo ás melloras nas paradas do autobús, o Concello avanza co proceso participativo para definir o futuro servizo de transporte urbano. Onte realizouse un novo encontro no Centro Cívico de Eirís e mañá, xoves 12, haberá outro no barrio de Elviña.

O calendario completo dos próximos encontros é o seguinte:
● 12 de xuño: Centro Cívico de Elviña
● 14 de xuño: Circo de Artesáns

As persoas interesadas en participar nalgún ou nalgúns dos Encontros de Barrio programados ata mediados de xuño xa poden formalizar a súa inscrición a través desta ligazón. Ademais, toda a información sobre o proceso participativo estará dispoñible nesta web específica.

Deja un comentario