O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, presidiu a reunión entre representantes do Distrito Forestal XII Miño-Arnoia e os restantes medios do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga)
O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, visitou hoxe o Parque Municipal de Bombeiros de Ourense, onde presidiu unha reunión de coordinación dos efectivos encargadas da prevención e loita contra os incendios forestais.
A xuntanza de traballo contou con representantes dos Parques Municipais de Bombeiros de Ourense, a Mancomunidade Terras de Celanova e do Polígono de San Cibrao das Viñas, así como do GES de Pereiro de Aguiar, o Servizo Municipal de Protección Civil de Barbadás, a Asociación de Voluntarios de Protección Civil de Coles e a Asociación de Voluntarios e Servizo Municipal de Protección Civil de Ourense. Ademais, tamén participaron representantes da Garda Civil, Policía Autonómica, Local e Nacional, o persoal técnico do Distrito Forestal XII Miño-Arnoia e o Servizo Provincial de Emerxencias de Ourense.
O obxectivo do encontro foi poñer en común a relación de medios e recursos dispoñibles para a intervención nas emerxencias que supoñen os incendios forestais e arbitrar os mecanismos oportunos para seguir avanzando na coordinación entre todos eles, como pode ser a mellora nas comunicacións entre organismos mediante a implantación da Rede Dixital de Emerxencias e Seguridade de Galicia.
Na provincia de Ourense, e particularmente no Distrito Forestal XII (Miño-Arnoia), rexístrase no verán unha elevada actividade incendiaria. Nesta área territorial atópanse numerosos bens de natureza civil en contacto directo ou nas proximidades do monte, o que supón que moitos dos incendios que comezan como forestais poden ameazar a estes outros bens. Isto determina a aplicación dos procedementos correspondentes recollidos no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga).
Trataríase neste caso da declaración das Situacións Operativas 1 e 2, que levan consigo a mobilización de medios extraordinarios, aqueles alleos aos destinados pola Consellería do Medio Rural para a extinción do lume. Así, e a través do Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, mobilízanse Parques de Bombeiros, Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), Servizos Municipais de Protección Civil ou Asociacións de Voluntarios, entre outros.
Estas situacións operativas extraordinarias foron declaradas en varias ocasións durante a pasada campaña no Distrito Forestal XII. Por iso, de cara a seguir mellorando na coordinación entre todos estes corpos e unidades, e con vistas á nova campaña deste ano 2016, estanse a levar a cabo xuntanzas de traballo entre representantes da Consellería do Medio Rural e os seus Distritos Forestais co resto das unidades que configuran os dispositivos de emerxencia mobilizados polo CAE 112. A primeira destas reunións foi precisamente a celebrada esta mesma mañá no Concello de Ourense.