
“O dereito ao xogo é esencial no desenvolvemento da infancia e debemos protexelo e promovelo desde as institucións”, sinalou a alcaldesa Inés Rey durante a celebración, que reuniu 255 participantes da Rede Municipal de Escolas Infantís
A praza de María Pita converteuse esta mañá nun gran patio de recreo con motivo do Día Internacional do Xogo, nunha xornada organizada polo Concello da Coruña coa participación de toda a Rede Municipal de Escolas Infantís (REIM). A actividade reuniu a 186 nenos e nenas de 2 e 3 anos, acompañados/das por educadoras e familias, sumando un total de 255 participantes.
Durante dúas horas, a praza —pechada para a ocasión— acolleu nove espazos lúdicos adaptados á etapa infantil: xogos con paracaídas, percorridos de andadores, bloques de construción xigantes, música, cantaxogos, pompas de xabón, mesas de area e outras propostas pensadas para estimular a creatividade e o movemento.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou na xornada xunto ao concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, acompañando o alumnado e persoal das escolas participantes. “Seguiremos facendo da Coruña unha cidade pensada para a infancia, con espazos seguros e abertos ao xogo”, sinalou a alcaldesa durante a visita.
Borrego destacou que “o xogo é unha ferramenta esencial no desenvolvemento educativo, emocional e social. Esta celebración é tamén unha maneira de recoñecer o labor das escolas infantís e reivindicar o valor dos espazos públicos como escenarios para educar”.
A xornada forma parte da campaña internacional Hora de Xogar, impulsada pola Asociación
Internacional de Cidades Educadoras, que tamén tivo continuidade nos patios de numerosos CEIP e escolas infantís da cidade, con actividades simultáneas durante toda a mañá.
O Concello da Coruña reafirma así o seu compromiso cun modelo de cidade educadora que aposta por políticas públicas centradas na infancia, no benestar colectivo e na transformación dos espazos urbanos en lugares vivos, accesibles e cheos de oportunidades para aprender xogando.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.